Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Pachi Vázquez divide o socialismo galego coas súas primarias, con Abel Caballero de árbitro
Se Pachi Vázquez esperaba convertir o apoio do comité nacional á súa controvertida proposta de primarias nun espello da unidade do PSdeG, fracasou con estrépito. Debaixo do 62% de votos a favor, cun 33% de abstencións, agóchase unha clara división das familias do socialismo galego e emerxe con forza a figura de Abel Caballero, que xoga con prudencia e frialdade de xogador de póker as súas cartas como árbitro na soterrada loita de poder que libran os baróns do principal partido da oposición en Galicia. De feito, no cumio deste venres, rematado o sábado de madrugada con escasez de aplausos, brillaron pola súa ausencia as delegacións de Vigo e da cidade de Ourense, que plantaron ao secretario xeral e só enviaron un representante para facer patente o seu distanciamento da folla de ruta imposta polo médico do Carballiño.

O atraso até setembro na celebración de primarias foi bendicido polas provincias da Coruña, co ex ministro Fran Caamaño -probable aspirante a liderar o novo PSdeG, din algúns analistas que co apoio do propio Pachi Vázquez, que tería decidido xa retirarse da carreira- e Fernández Moreda, Ourense e Lugo, se ben o hoxe principal barón desta última, Gómez Besteiro -primeiro en presentar a súa candidatura á secretaría xeral-, advertiu no cumio de Compostela que é a derradeira vez que acepta un cambio de calendario. O silencio da poderosa delegación de Vigo e a oposición dos críticos -houbo acusacións de apaño e peticións dunha "saída ética"- descafeínan e relativizan o éxito da proposta do actual líder dos socialistas galegos.

Queda no aire o formato do congreso da remuda. Todo o sector crítico se opón con contundencia á pretensión de Vázquez de que á cita do 29 de setembro acudan como moito setecentos delegados, moi por debaixo do tope de mil que contemplan os estatutos do partido. O recorte choca coa vehemente defensa da participación da militancia que fai agora o aínda secretario xeral e ten unha explicación inicial máis relacionada cos intereses personais que coa democracia interna: cantos menos delegados acudan ao congreso, maior peso terán Lugo e Ourense, as provincias nas que Pachi Vázquez ten o seu graneiro de incondicionais.


Jorge Vázquez 2ºA
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 28-04-2013 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal