Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Estilo (im)persoal.

Disque antes, a moda era un instrumento ao servizo das persoas, para embelecelas, para adornalas, para resaltar os seus puntos fortes, para crear beleza. Que era a creación do modisto a que se atopaba ao servizo do cliente, e non ao revés. Disque antes, a algunha xente caracterizábaa un talento especial á hora de elixir as prendas de roupa e á de vestilas unha vez na rúa, nas reunións sociais, na vida diaria. Estilo que o chamaban, creo lembrar. O que se lles esqueceu de nos explicar sobre isto do estilo era que, a diferencia do que acontece con case todo neste mundo, non se pode comerciar. E como aquí o que non se pode vender nin mercar non interesa, cómpre crear unha convención ao respecto que sí que permita o intercambio monetario (e, xa postos, que cambie estacionalmente, para incrementar os ingresos) e uns medios que fagan crer a xente que é ese o único xeito de ser alguén presentábel en sociedade. Xa postos a xeneralizar, cómpre crear un prototipo de usuario para este novo invento (chamémoslle moda). Canto máis adoutrinado estea, isto é, canto máis se pareza a súa indumentaria a do manequín da porta do establecemento e cantas máis ganas lle pase a ese croissant do almorzo que por suposto non pode nin ulir, mellor. E sentadas estas bases, comeza o xogo. Un deses xogos de nunca acabar.
E non é cuestión de ser hipócritas. Por suposto que dende logo eu mesma formo parte deste xogo, desta cíclica historia universal da infamia, que diría Lois Pereiro. Non sería xusto criticar a aquelas que saen en manada as noites dos sábados uniformadas con outfits de catálogo cando eu mesma merco en determinadas tendas, leo determinadas revistas e me deixo levar por determinadas tendencias. Tampouco é algo que sexa imposible evitar, pero qué vou dicir, nestes casos a comodidade impera, e tampouco é unha ninguén para dedicarse a cambiar o mundo. Quizáis na propia imposición vaia incluído o de deixalo estar. Malia todo, creo xa postos a ser outro ladrillo na parede, non está de mais tomar conciencia, vaia ser que despois nos dea alerxia o cemento, ou algo así.
Aida González Vázquez, 2ºBac B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 28-04-2013 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal