Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un sector da RAG pídelle a Alonso Montero que loite pola presidencia
O pleno extraordinario da Real Academia Galega celebrado onte en Vigo para conmemorar o centenario do nacemento de Fernández del Riego foi un acto especialmente significativo, e non só pola homenaxe ao insigne galeguista, senón pola actual situación da RAG, en pleno proceso de axitación tras a dimisión de Méndez Ferrín e o anuncio da candidatura a presidente de Manuel González.
A rumoroloxía sobre outras posibles opcións para dirixir os destinos da Academia sinalaba a Xesús Alonso Montero como postulante. Pero o erudito filólogo, en declaracións a La Voz, deu unha resposta na que nin o nega nin o afirma de forma rotunda, pero deixa caer que non descarta esta posibilidade. «Neste intre estou disposto a facer todo o que faga falta pola Academia», dixo.
O escritor vese empurrado a loitar pola presidencia da RAG a petición dun grupo de membros que cren que debería encabezar a directiva, na que, segundo fontes académicas, estaría acompañado na candidatura por unha proposta de executiva na que podería figurar como secretaria a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez, e o filólogo Henrique Monteagudo, unha das voces máis críticas coa xestión de Ferrín.
«Eu non dixen que aceptaría o que eles parecen suxerir. Teño 84 anos, que son moitos, e moitas cousas aínda por facer, pero son marxista e o meu programa individual debe quedar por debaixo das institucións nas que creo, e creo profundamente na Academia como depositaria do tesouro da lingua. Se fose necesario, se ela mo pide, eu non me debería negar aínda que me causaría un problema», recoñeceu Alonso Montero.
Pola súa banda, o candidato xa confirmado, Manuel González, insistiu en que a súa proposta é integradora e se basea no diálogo e a colaboración coas institucións culturais galegas e cos poderes públicos, buscando sempre o consenso sen renunciar á independencia. Todos os académicos presentes no acto valoraron positivamente o anuncio de González destacando o seu talante conciliador e a experiencia que xa ten o actual tesoureiro.
O académico e director de Galaxia, Víctor Freixanes, insistiu, sobre o estado da institución, en que «hai que buscar fórmulas de construír un espazo de debate porque a Academia ten que ser un ágora viva para expresarse con liberdade».


Elena Corral Fernández
2ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 24-03-2013 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal