Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Manuel González anuncia a súa candidatura á presidencia da RAG
O filólogo Manuel González (Mazaricos, 1951) converteuse onte no primeiro académico en dar un paso á fronte para anunciar a súa candidatura á presidencia da Real Academia Galega, vacante desde que o pasado 13 de marzo Xosé Luís Méndez Ferrín presentara a súa dimisión irrevogable no medio dunha enorme polémica.

González explicou onte que tomou esta decisión «despois de moitas conversas e de recibir un número considerable de apoios». Polo de agora, apuntou, vén de abrir un proceso de diálogo co resto de numerarios para definir os nomes dos outros catro académicos que formarán con el a candidatura para a executiva, proposta que aínda non se presentou formalmente.

Home próximo a Ferrín, González foi o tesoureiro da súa executiva -cargo que actualmente exerce en funcións-, pero é membro destacado do Instituto da Lingua Galega e do Centro Ramón Piñeiro, polo que podería tender pontes co considerado sector crítico ao expresidente. A súa liña de traballo quere incluír «a absolutamente todos os académicos» para «mirar en positivo cara ao futuro», polo que se propón liderar unha candidatura de consenso na que se poidan integrar as diferentes sensibilidades presentes no plenario. «Quero que a xente se sinta cómoda na Academia e que exprese as súas ideas con liberdade e que logremos ilusionarnos nun proxecto común», sinalou.

De feito, no correo electrónico que onte remitiu aos seus compañeiros de plenario para anunciarlles a decisión de presentar a súa candidatura á presidencia, o catedrático de Filoloxía apunta unha proposta renovadora baseada no «diálogo franco» cos académicos, aos que invita a presentar «suxestións».

O actual tesoureiro da Academia detalla no seu escrito cinco prioridades da súa candidatura. En primeiro lugar, «fomentar un diálogo fluído coas demais institucións culturais de Galicia, especialmente con aquelas que se ocupan de temas relacionados coa lingua». Tamén se compromete o profesor a «manter a independencia da Real Academia Galega respecto de todo tipo de poder político, sen menoscabo do necesario diálogo e entendemento».

Propón ademais «traballar pola modernización do funcionamento da RAG, e dinamizar as actividades das seccións e dos seminarios» e «garantir unha transparencia total na xestión da institución».
Por último, Manuel González fai unha proposta de reconciliación dos sectores enfrontados: «Impulsar, continuando coa liña iniciada, unha maior visibilidade cara ao exterior do traballo realizado na Academia, e activar canles que faciliten a comunicación mutua entre a RAG e a sociedade. Esforzareime por lograr unha Academia na que todos, absolutamente todos, nos encontremos a gusto, por riba das normais diferenzas de opinión que nos enriquecen, e na que nos sintamos ilusionados nun proxecto común».

Manuel González é académico desde 1992 e tesoureiro desde o 2010, e foi secretario da Academia entre o 2001 e o 2009, con Barreiro de presidente. Na RAG tamén dirixiu os seminarios de sociolingüística e lexicografía ata o 2011 e coordinou a edición do seu Dicionario.

É catedrático de Filoloxía Románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, director do servizo Termigal, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro e investigador do Instituto da Lingua Galega, do que foi secretario entre 1991 e 1996.

Sara Carroceda González, 2ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 23-03-2013 15:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal