Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O spa que o Concello de Ourense construíu no polideportivo municipal dos Remedios é un mal negocio

O spa que o Concello de Ourense construíu no polideportivo municipal dos Remedios, cun gasto confesado de 959.000 euros con cargo aos fondos do Plan E habilitados polo Goberno de Zapatero , é un mal negocio. O seu mantemento, segundo púxose de relevo onte na reunión do Consello Municipal de Deportes, sitúase ao redor dos 3.000 euros mensuais e en decembro, se as contas din a verdade, só o utilizaron tres persoas. A cinco euros a entrada por usuario e día, o Concello ingresou quince euros por un servizo que quería engadir un toque elegante a unha instalación cuxas deficiencias motivan frecuentes queixas.

Naceu o spa con vocación popular. Nun momento no que gobernaban en coalición PSOE e BNG, cunha estrita política de cotas e o temón do deporte en mans nacionalistas, o diñeiro do Plan E permitía algún capricho. Tratábase, dicían, de pór ao alcance dos ourensáns do montón un servizo de calidade e a un bo prezo. Que menos na capital termal que é Ourense. Como Budapest.

Entre o 2011 e parte do 2012, coa obra terminada, o spa estivo pechado. Alguén se esqueceu de que era necesario equipamento adecuado para manter a temperatura da auga. O pasado verán conseguiron abrilo. Fixérono de forma moi discreta, sen boato nin inauguracións. En agosto foi gratis o acceso, pero desde setembro cóbrase. Recadáronse desde entón 135 euros en setembro, 75 en outubro, 35 en novembro e 15 en decembro, de acordo con datos do Consello Municipal de Deportes: en total, 260 euros, unha cifra moi afastada dos 15.000 euros de sobrecusto mínimo a que obriga o mantemento desta instalación municipal.

Púxose en marcha por decisión do PSOE e o BNG. O PP, con tempo dabondo para facelo, denunciou un par de veces o atraso na apertura. E agora os independentes de Democracia Ourensá piden o peche inmediato e que se busque unha aplicación a este investimento.


Nuria Salgado López
2º Bacharelato B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 02-02-2013 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal