Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A Xunta privatizará a xestión do viario libre de peaxe Dozón-Ourense
Coa hucha baixo mínimos para afrontar investimentos novos, a Xunta disponse a aproveitar a capacidade de manobra financeira sobre as infraestruturas de titularidade autonómica para intentar reducir a súa débeda e obter liquidez. O Goberno de Feijoo explorará esta política coa próxima privatización da xestión da autovía libre de peaxe AG-53, que dá continuidade á autoestrada Santiago-Ourense e comunica o concello pontevedrés de Dozón coa ligazón coa A-52 en Barbantes. En xogo está unha suculento negocio de 1.552 millóns de euros, que é a factura que a Xunta calcula que deberá pagar á empresa que explote o viario durante os 50 anos da concesión, que expira no 2057. O Executivo asegura que esta operación lle permitirá desprenderse de 150 millóns de débeda pendente de amortizar pola construción dunha autovía que, con este proceso, seguirá exenta do pagamento de peaxe directa por parte do usuario.
O conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou onte as intencións do seu departamento durante a comparecencia na comisión parlamentaria de Presupostos. Ao longo deste ano, a Xunta licitará a explotación da AG-53, que na actualidade está en mans da Sociedade Pública de Investimentos (SPI). Con esa privatización da xestión, a AG-53 pasará a estar nas mesmas condicións nas que se atopan as autovías de titularidade autonómica adxudicadas por réxime de concesión: a que conecta Santiago con Brión (AG-56) e as de Barbanza (AG-11) e O Salnés (AG-41), ás que se sumará en breve a que comunicará a A-52 con Celanova, e no futuro o viario da Costa da Morte. O canon desas tres autovías en servizo co sistema concesional custará este ano á Xunta 38,87 millóns.

A diferenza destas infraestruturas, a Xunta de Fraga asumiu no seu momento a construción con cargo aos Presupostos do trazado entre Dozón e Ourense, para completar a autoestrada AP-53 que o Goberno de Aznar só levou ata o Alto de Santo Domingo, a pesar de que das arcas autonómicas saíron 60 millóns para esa infraestrutura de pagamento. O Goberno galego constituíu unha sociedade pública para executar esas obras. Pero, na precampaña das municipais do 2007, o bipartito decidiu non instalar cabinas de peaxe nese tramo final. Aquela decisión facilitou ao PSOE a chave da alcaldía de Ourense, pero abocou á Xunta a pagar un canon pola explotación da AG-53, que este ano ascenderá a 15,33 millóns. Infraestruturas sostén que, a pesar de que esa xestión recaía nunha sociedade pública, esta tiña que subcontratar o mantemento cunha empresa privada.

Hernández sinalou que, ao licitar a explotación, ademais de reducir eses 150 millóns de débeda, a Xunta tratará de obter condicións máis vantaxosas para rebaixar ese gasto global de 1.552 millóns en pagamentos á concesionaria ata o ano 2057.

Sara Carroceda González, 2ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 12-01-2013 16:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal