Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

POR UNHA SELECCIÓN GALEGA XA!!
Primo de Rivera, Franco e Feijóo teñen algo en común ao falarmos da historia do deporte galego: os tres prohibiron a celebración da selección galega de fútbol ao gobernaren. Desde aquel encontro en 1922 a participación internacional do noso pobo estivo proscrita e aínda hoxe segue a ser perseguida en beneficio da marca España. Galiza conta, desde 1995, cun grupo de persoas decididas a reivindicaren o dereito que teñen outras nacións do mundo, mesmo sen teren estado, a participaren do deporte con liberdade. Siareir@s galeg@s nace ese mesmo ano coincidindo coa posta en común deste desexo por parte dos grupos de apoio ás equipas máis importantes do noso país: Celta de Vigo, Deportivo da Coruña, SD Compostela, o CD Lugo e o Ourense. Por esas datas reúnense Celtarras, Fendetestas, Compostolos, Radikais Vermelhos, Muralha Norte e os daquela acabados de crear Grei Gentalha.

Neses primeiros anos sucédense as actividades reivindicativas que contaron co apoio, entre outros, da Revista Bravú, creada por Xurxo Souto. Eran os tempos en que a música era quen de ir contra o mundo. As equipas galegas tiñan bos resultados, o celta quedou segundo na Copa de España en 1994 e o Deportivo campión da Copa do Rei e da Supercopa, e animaba a posibilidade de dispor dunha selección propia como Euskadi e Catalunya.

En 1997 celébrase na Estrada un partido, e posterior concerto, entre profesionais do mundo da cultura e a comunicación. Dese día quedan as imaxes de “xogadores” como Alfonso Eiré, Antón Reixa, Xosé Cid Cabido, Xosé Manuel Pereiro, Moncho Viña, Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo, Xurxo Souto ou Paco Lodeiro. A revista Bravú sacaba un especial acompañado dun álbum musical co nome de Selección Xa! Contaron coa participaron dos xogadores Fran, Xosé Ramón e Nacho, que despois foron vítimas dos ataques da prensa deportiva de Madrid. O cansazo e os atrancos ao proxecto fan que o decidido apoio ao deporte galego de Siareir@s Galeg@s quede en silencio por uns anos.
Catro anos de normalidade
En 2005, coa chegada ao goberno galego do BNG e o apoio explícito a termos seleccións nacionais, reactívase cunha asemblea de Siareir@s Galeg@s á cal asisten colectivos, asociacións e outros sectores da vida social galega. A transición democrática no noso deporte chega setenta anos despois e normalízanse os partidos como acontecía desde hai tempo noutras nacións como Euskadi e Catalunya.

Galiza xoga contra Uruguai en Compostela (3-2), Ecuador na Coruña (1-1), Camerún en Vigo (1-1) e Irán na Coruña (3-2). Tamén en 2007 a selección feminina comeza a súa andaina de amistosos cun primeiro encontro contra Catalunya. En 2009 a historia dálle as costas á nosa selección e a vitoria nas eleccións do PP tenta eliminar outra vez os partidos da "Irmandiña".

Siareir@s Galeg@s segue
Desde 2009 Siareir@s Galeg@s organiza todos os encontros da selección ademais de promocionar as seleccións doutros deportes, mesmo os tradicionais, como a billarda. "Falamos cos clubs, xogador@s, embaixadas e hai moitos atrancos", recoñece Xosé Viana, un dos seus membros. Galiza xogou estes últimos anos contra un combinado de Paraguai en Compostela(9-0), contra Palestina en Ourense (6-3) e contra equipo da República Árabe Saharauí Democrática en Teo. Nesta última etapa os partidos son mixtos e loitan contra os impedimentos da federación, institucións municipais e provinciais e do goberno galego. "Hai xogador@s que chaman para participar e logo os clubs prohíbenlles asistir". Este ano Kurdistán é un reto. "É unha selección oficial dunha nación ocupada e hai que conseguir visados para que viaxen...".

Manteñen contactos con ESAIT e a Plataforma pro seleccions catalanes, entidades cos mesmos obxectivos nos seus respectivos países, e apostan por deportes en que poidan xogar a nivel internacional, como é o caso do fútbol gaélico. "Haberá unha liga e unha copa propias en pouco tempo". Saben que loitan contra entidades privadas como a propia FIFA "que admiten a quen queren" e contra as federacións galega e española.

29 de decembro ás 21h, Galiza vs. Kurdistán
Este ano Siareir@s Galeg@s prepara outro encontro internacional para a selección galega. Será o 29 de decembro en Pontevedra. A xornada comezará cun xantar popular, música e deportes tradicionais (13:30 horas). Continuará cunha manifestación desde a Praza da Ferrería (19 horas) até o Campo de Fútbol da Xunqueira, na zona universitaria, onde haberá unha demostración de fútbol gaélico (20 horas) e a homenaxe ás deportistas galegas (20:50 horas).

O partido amistoso Galiza-Kurdistán (21 horas) será o remate da xornada deportiva. Despois virá a música no recinto feiral (23:30 horas), coas actuacións dos grupos Rebeliom do Inframundo, Arenga, Falperrys e Berri Txarrak.

Carlos Álvarez Ramos, 2ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 22-12-2012 21:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal