Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Trinta anos de estandarización.
No ano en curso 2012 cúmprense trinta anos da publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) elaboradas por unha comisión mixta do Instituto da Linga Galega da Universidade de Santiago de Compostela (daquela, a única universidade galega) e a Real Academia Galega, e aprobadas en sesión conxunta de ambas as dúas institucións. A aprobación de ditas normas no ano 1982 foi un fito na historia do idioma, por representaren a primeira proposta ampla, sistemática e cientificamente xustificada de codificación ortográfica e morfolóxica do galego común. As NOMIG serían oficializadas pouco despois mediante decreto da Xunta de Galicia, tornándose así no primeiro código normativo con carácter oficial do idioma galego, que pola súa vez fora recoñecido como lingua oficial no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

Posteriormente, a modalidade do galego común fixada nas NOMIG foise consolidando, enriquecendo e adaptando, ao paso que se despregaba o autogoberno de Galicia, de xeito que a posición do galego no sistema educativo se afianzaba, o seu cultivo literario coñecía unha admirable intensificación e se estendía o seu uso institucional e público en diversos ámbitos da vida social. Ao tempo, os novos usos e os novos usuarios do galego íanse confrontando cunha inédita diversidade de esixencias, dúbidas, problemas e debates que obrigaron a xerar máis recursos, elaborar novos materiais, improvisar respostas e rever algunhas das solucións adoptadas. Testemuño de todo isto son os libros de texto, manuais, gramáticas, métodos de aprendizaxe, prontuarios, dicionarios, vocabularios, recursos na rede, programas ou espazos de radio e televisión que se produciron nas tres décadas pasadas; así como as polémicas, críticas e trasacordos que acompañaron inevitablemente todo o proceso.Co fito dos 30 anos cumpridos o Instituto da Lingua Galega xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, organizan un ano máis os Simposios ILG Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012, que terán lugar na Facultade de Filoloxía do 11-20 de decembro.

Todo isto ofrece unha ocasión para revisar o camiño percorrido, pero non só por parte dos investigadores ou gramáticos, senón para que cada un de nós, en quen vive o galego, fagamos o noso balance. Unha marabillosa ocasión para ampliar ou actualizar coñecementos, algo dirixido a un público en xeral, ese público que facemos posible que a nosa lingua siga viva.

Alba Muñoz López (estudante de Grao en Lingua e Literatura Galegas)
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 24-11-2012 17:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal