Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O PP quere situar o límite de velocidade das autoestradas de peaxe en 140 Km/h

O PP quere subir o límite máximo de velocidade a 140 quilómetros por hora nas autoestradas de peaxe e, con ese obxectivo, presentou unha proposición non de lei no Congreso para o seu debate na Comisión de Seguridade Viaria na que insta o Goberno a estudar ese incremento.

¿Por que? O deputado autor da proposta, Paco Vañó, explícao a Efe con dous argumentos: para aumentar a utilización destas vías que a crise converteu en deficitarias, e porque os niveis de seguridade das autoestradas son tan altos, que esa alza non implicaría un risco adicional.

Non oculta o parlamentario que pode resultar rechamante que sexa el, vítima dun accidente de tráfico e primeiro deputado parapléxico da democracia, quen defenda esta proposta, pero insiste en que a seguridade que ofrecen as estradas de pago en España ben xustifica ese aumento.

Vañó cre que a iniciativa dá resposta a unha demanda dun "sector moi amplo da sociedade" para as vías de peaxe, sometidas moitas delas a un concurso de acredores por unha situación que podería mellorar coa posta en marcha desa proposta.

O texto non fixa o límite de 140 quilómetros por hora, pero esa é a cifra que suxire o PP porque é unha velocidade que, segundo Vañó, non tería efectos negativos nas cifras de sinistralidade e suporía, pola contra, un incentivo para o usuario.

Recoñece o parlamentario a existencia de estudos que advirten de que aumentar un 20 por cento a velocidade eleva un 30 por cento as mortes na estrada, pero insiste en que a súa proposta se circunscribe a unha rede construída coas maiores esixencias en materia de seguridade onde 140 quilómetros por hora "non é unha velocidade de risco".

Tampouco ve contraditoria a súa iniciativa coa que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) estuda pór en marcha para unificar en 90 quilómetros por hora a velocidade máxima nas estradas secundarias ou dun só sentido.

"Son un accidentado e coñezo ben a situación. Hai tres niveis de estradas e o deseño das de peaxe está previsto para maior velocidade, polo que non contradi esa decisión, senón que é complementaria", subliña.

Resalta o deputado a "excelente rede" de autovías de España e recorda que o perigo maior está nas estradas secundarias de dobre sentido, onde hai máis risco de colisión..

Antes de redactar a proposición, o deputado mantivo contactos con expertos e con representantes do Ministerio do Interior, á vez que conversou cos grupos parlamentarios sobre a iniciativa, que viron "moi razoable".

"Só son 20 quilómetros por hora máis e para autoestradas de peaxe. Non estou a falar de deixar libre velocidade", conclúe Vañó, non se antes instar a que se manteñan as medidas actuais en materia de tráfico coas que se conseguiu reducir a sinistralidade.

A iniciativa recorda que dos 3.365,51 quilómetros da actual rede de autoestradas, 2.995,80 están suxeitos a peaxe directa, con 90 túneles e 453 quilómetros de tramos con tres ou máis carriis.

O texto alude a varios estudos para afirmar que as autoestradas contribúen ao desenvolvemento do país porque incentivan a actividade económica das poboacións que comunican.

Límites mínimos de amplitude de curvas, calzadas separadas, amplas vías, ausencia de interseccións a nivel, mellores firmes para asegurar a adherencia dos pneumáticos, pantallas antideslumbramento... Toda unha gama de prestacións que colocan ás autoestradas de peaxe no liderado das vías máis seguras de España.

Non só o PP propón isto. No Reino Unido tamén se está estudando incrementar os límites de velocidade, asegura esta forza política.

Cunha media de entre 20.000 e 25.000 vehículos diarios, o tráfico por estas vías resentiuse, no entanto, por mor da crise, como ocorreu coas radiais de Madrid ou coas autoestradas Madrid-Toledo ou a Ocaña-La Rueda, a maioría delas en quebra "técnica" ou en fase concursal.

Segundo datos do PP, as catro radiais de Madrid, nas que se investiron 2.554 millóns de euros, só rexistran 10.480 vehículos diarios -moi por baixo do previsto-, en tanto que a débeda das concesionarias supera os 3.750 millóns de euros.

Números vermellos que o PP quere cambiar de cor coa súa iniciativa. Ou polo menos, intentalo.

Tania Airas
2ºBach-B
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 24-11-2012 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal