Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Loitando polos dereitos

Dende que o Goberno deu a coñecer os contidos da reforma laboral, a maioría da sociedade española e galega foi consciente de que esta era prexudicial para os traballadores e as traballadoras. Así o demostraron co apoio masivo ás convocatorias de mobilizacións dos días 19 e 29 de febreiro, e outro tanto vai suceder nas que percorrerán mañá as principais vilas e cidades galegas e mais do resto do Estado.

Pero parece que o PP, co apoio de CiU, UPN e Foro Asturias, fan os xordos aos berros da cidadanía: decidiu o 8 de marzo validar o real decreto lei, obviando asemade a negociación necesaria dentro do diálogo social, e, concretamente, as cartas que os secretarios xerais de UGT e CC.OO. enviaron ao presidente do Goberno nas que achegaban as alternativas que as organizacións sindicais temos en relación á reforma laboral e que expresaban a necesidade de corrixila a fondo para que non faga dano e aumente a situación de desemprego. Chegou o 8 de marzo e deuse a palabra do mudo, o que nos conduce á convocatoria dunha folga xeral para o próximo 29 de marzo.

Que ninguén se engane sobre os motivos das protestas e da folga xeral. O que os sindicatos fixemos é abrir unha vía democrática para encarreirar o gran malestar e o temor dunha parte moi considerable da nosa sociedade. Para que exprese de xeito democrático o rexeitamento a unha imposición inxusta que vai alterar o modelo de convivencia e de relacións laborais do que nos dotamos hai máis de trinta anos.

A reforma laboral supón unha radical transformación das nosas relacións laborais. Establece un despedimento máis fácil e barato; legalízase un novo contrato de duración anual e cun custo de despedimento cero; pode conseguir eliminar a dualidade do mercado de traballo pola vía de converter case toda a poboación traballadora en precaria; suprímese a necesidade de autorización administrativa para realizar despedimentos colectivos; amplíase o poder do empresario para non aplicar o convenio en vigor e rebaixar os salarios unilateralmente; o convenio de empresa prevalece sobre calquera outro e non aplicalo pode decidilo o empresario con tres traballadores elixidos para ese efecto, deixando sen cobertura o traballador e estimulando o dumping social.

En España, a pobreza e a exclusión social non só arrequecen, senón que ameazan con facérense crónicas. De continuar polo camiño de recortes iniciado -sobre todo nos servizos públicos, que son dereitos da cidadanía, obedecendo aos ditados da chamada troika comunitaria- podemos topármonos nunha situación aínda máis complexa. O propio presidente do Goberno, emendándose a si mesmo, anuncia que continuará a destrución de emprego e que no ano 2012 poden perderse 630.000 postos de traballo. Daquela, ¿que se pode agardar dunha reforma laboral que ten como epicentro o despedimento e o seu abaratamento?
O Goberno do PP equivócase ao construír unha mensaxe de medo e crispación, tentando enfrontar as persoas desempregadas cos sindicatos. Arriscándose a esnaquizar o contrato social que se asinou coa Constitución. Equivócase, e moito. Está a seguir o camiño errado, debería rectificar e buscar decididamente o apoio de todos e todas nunha situación de emerxencia como a que vive este país.

Esta reforma asesta un duro golpe ao dereito do traballo, desvirtúa a tutela xudicial e debilita a capacidade de negociación dos sindicatos en proveito da empresa. É o maior retroceso en materia de dereitos laborais da democracia.
CCOO. e UGT non lle pedimos alternativas ao Goberno: dámosllas, como un acordo de forte contención salarial e de rendas, entre os sindicatos e a patronal, sen precedentes en Europa; pero pensamos que isto non se explicou ben na UE. O Goberno estragou este acordo e foi un erro seu non recoñecer a importancia que tiña.
A cidadanía non se vai resignar a recuar trinta anos nas súas relacións laborais, e tampouco vai caer na trampa de enfrontar xeracións de traballadores e traballadoras, os que teñen emprego contra os que aspiran a telo e que, polo camiño marcado, todos estarán en precario.

É unha reforma contra o futuro porque nos aboca a un presente de paro e precariedade; un presente en que deberiamos ter a oportunidade de tecer o noso porvir como persoas e o dos nosos fillos e fillas, con máis e mellores servizos públicos e con sistemas de protección social que nos aseguren os recursos para unha vellez digna; un futuro en que poidamos medrar como persoas nunha sociedade asentada no entendemento, a xustiza e a solidariedade.


Jorge Vázquez Docarme 2º A
Comentarios (1) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 17-11-2012 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Creo que lle falta un enlace ou u#blgtk08#nha imaxe. Aviso ao coordinador.
Comentario por Master and Co. (18-11-2012 13:44)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal