Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un pouco de educación.
Son unha estudante da universidade pública galega e española, parte dun sistema educativo que, presuntamente, fornece os alicerces dunha sociedade desenvolvida e igualitaria. Mais ultimamente comezo a non ver con claridade que a educación e a cultura sexan potenciadas coa finalidade de chegar a todos.

Hai escasos meses, os estudantes universitarios da ensinanza pública sufrimos en primeira persoa unha subida das taxas, xunto con unha supresión da maioría das bolsas de estudos e compensacións que se recibían coas matrículas de honra nas materias, ademais de estar en perigo os programas erasmus, restrinxindo así a posibilidade dunha formación superior pública, é dicir accesible para calquera persoa. Se somos realistas, detrás da etiqueta de ensino público comezan a verse segundas intencións. O ensino que denominamos público está impondo un modelo educativo clasista, expulsando do ensino aos estudantes con maiores dificultades económicas, estudantes que tamén son persoas con dereito a ter un futuro. Parece ser que un dereito universal como o ensino vaise converter nun verdadeiro privilexio. Non contentos con todo o anterior, no ensino público pretende reducirse o número de docentes por alumno. Estamos poñéndolle fronteiras á cultura, limitando o noso futuro e o das xeracións vindeiras.

Valorando todo o anterior, que tipo de valores estamos facendo primar? Na actualidade semella que a educación queda nun segundo plano, xa tan só con unha aparencia de dereito. Unha sociedade na que os profesores quedan como meros transmisores de información, e non como base no desenvolvemento dunha persoa e dun futuro; unha sociedade que reforza o egoísmo, busca a facilidade e aplaude a lei do mínimo esforzo. Xa non importa estudar e adquirir cultura para formarnos. Outorgóuselle á sociedade o seu desexo máis anhelado: máximo beneficio coa mínima implicación.

Alba Muñoz López (estudante de Grao en Lingua e Literatura Galegas)
Comentarios (1) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 17-11-2012 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Rebeldía con causa. Rebeldía necesaria. Non vos c#blgtk08#onformedes. O conformismo é o virus das maiorías.
Comentario por Master and Co. (18-11-2012 13:47)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal