Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

'Luar na Lubre' resume a súa carreira nun triple álbum

Hai cancións que non se esquecen, como O son do ar, de Luar na Lubre, que resumiu a súa carreira nun triple disco, con outros temas como Memoria da noite, dirixido a aqueles desmemoriados que si borraron das súas mentes episodios como o desastre ecolóxico do buque Prestige.

"A xente non ten memoria. Moita xente si, pero moita outra que conforma maiorías e masas, non", dixo hoxe, respecto daquel feito, Bieito Romero, fundador desta banda galega nunha entrevista telefónica con Efe, ante o lanzamento de Sons da lubre nas noites de luar, unha caixa que recolle o mellor dos seus 25 anos de carreira.

Contén tres discos: un cos temas instrumentais, "as grandes suites", dixo; outro, os temas "máis líricos, as baladas e os máis poéticos"; e, para rematar, colaboracións con figuras como Luz Casal, Lila Downs, Diana Navarro... Todo en clave mitológica galega, "xa que a maxia ten un poderoso compoñente" na súa música, engadiu Romero.

No seu cancionero ocupa un importante espazo O son do ar, extraído do seu primeiro álbum, do mesmo nome e publicado en 1988, popularizado posteriormente no medio mundo grazas a unha adaptación de Mike Olfield.

"É un buque insignia da nosa traxectoria, a canción máis emblemática de Luar na Lubre na parte instrumental", destacou o músico, que a describe como "unha homenaxe aos vellos bosques de carballos e castiñeiros de Galicia, oídos desde dentro, con ese aire que fai moverse as follas".

Paula Rey, última incorporación ao grupo
Non hai material regrabado neste recompilatorio, e todo soa como foi, aínda que "por cuestións técnicas" só aparecen tres das catro cantantes que prestaron as súas voces a esta populosa formación musical, incluída a da moza Paula Rey, que substituíu hai un ano a Rosa Cedrón.

"Tivo unha adaptación fenomenal. Leva case 50 concertos connosco e dá a sensación de que leva toda a vida. Ensamblou perfectamente na estrutura do grupo a pesar da súa mocidade", fixo fincapé sobre esta recente incorporación a unha banda na que é "moi importante" o mantemento do equilibrio interno e o respecto a todas as sensibilidades.

Bieito opinou que a traxectoria do grupo foi "razoablemente boa", porque fixeron as cousas "como as formiguiñas, aos poucos" e, a pesar diso, lograron unha importante bagaxe discográfica: catorce álbums en 26 anos de traballo.

Bo momento para o folk galego
Respecto dos seus comezos, subliñou que a música folk, en concreto a de raíces galegas, está no seu mellor momento, tanto no artístico como na difusión, pero non como a finais dos anos 90, cando obtiveron gran éxito cos seus discos Plenilunio (1997) e Cabo do mundo (1999), nun momento "prodixioso" para estas música grazas tamén a artistas como Carlos Núñez e Hevia.

"Agora está en decadencia, pero igual que outras músicas neste momento dramático para a cultura. A pesar diso, nunca houbo tantas propostas, festivais e artistas", dixo.

O seu novo lanzamento inclúe tamén un DVD que recolle un concerto gravado en directo na Praza da Quintana, de Santiago de Compostela, o 31 de xullo de 2012.

"É un deses lugares que se consideran centro do mundo habitado", manifestou, en referencia á capital galega e a esa praza "granítica e impresionante, un lugar ideal para gravar un concerto destas características".

O seu reto de futuro, se cadra marcado nas estrelas, seguirá sendo ir máis aló. "A nosa idea sempre é superarnos en cada traballo, tanto no son como seres humanos", concluíu.

Beatriz Molina, 2ºA Bacharelato
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 17-11-2012 13:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Moi bo artigo sobre unha le#blgtk08#nda da música folk galaica.
Comentario por Master and Co. (18-11-2012 13:55)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal