Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O xornalista Xosé Manuel Pereiro presenta en Santiago o libro 'Prestige, tal como foi, tal como fomos'
Narra a crónica dese desastre, do que aconteceu "desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe"
O xornalista Xosé Manuel Pereiro fará unha presentación do seu libro 'Prestige. Tal como foi, tal como fomos' este xoves, día 15, ás 19:30 horas no restaurante Dezaseis da compostelá rúa de San Pedro. Estará acompañado de Xosé Hermida e Miguel de Lira.
En novembro de 2002 a sociedade galega sofre unha devastadora catástrofe que provoca, en palabras do autor, un "cambio de mentalidade, un trastorno social transitorio" dos galegos. A ausencia de Estado diante do afundimento do Prestige cóbrese cunha marea branca de voluntarios que limparon as costas galegas de chapapote e de indolencia política.
'Prestige, tal como foi, tal como fomos', segundo título da colección xornalistas, narra a crónica dese desastre, do que aconteceu desde a traxicomedia da xestión do desastre, ata os delirios de grandeza das solucións políticas ante a inminente catástrofe.
É o relato daqueles días, da galería de personaxes e protagonistas da traxedia, e de como nos comportamos como sociedade diante do desastre. Mudaron algo as cousas 10 anos despois? Xulguen vostedes. Mais o que si quedou claro é o desexo doutra Galicia posible. A sociedade simplemente agarda que os representantes políticos sintonicen a súa frecuencia. En 'Prestige. Tal como foi, tal como fomos', Xosé Manuel Pereiro retrata o acontecido desque o Prestige entrou nas nosas vidas ata que emporcou as nosas costas, nunha emocionante reportaxe na que o lector recoñecerá o seu habitual humor e enxeño. Unha mirada indispensable para entender por que a sociedade galega segue a berrarlle ao mundo "Nunca Máis!".
En palabras do autor: "Este é o país que hai. O Prestige foi unha traxedia, pero deunos unha das poucas oportunidades que aproveitamos para demostrar que podemos ter dignidade. Que se queremos, ou se cadra, podemos ser algo máis e mellor do que somos.
A meirande marea negra da historia de Galicia provocou un cambio de mentalidade. Un trastorno social transitorio. Se non foi a máis debeuse a que a clase política que debería facelo seu, non o fixo. As forzas de esquerda por falta de ambición, exceso de conservadorismo ou medo a perder o posto. As de dereitas, polo mesmo, e porque as faccións máis reaccionarias se deron conta de que este anaco de mundo quería coller o temón para mudar un chisco o rumbo, e actuou en consecuencia.
Por esa razón neste libro non descubro as claves de nada, e o editor mentirá se pon iso na contraportada, porque do Prestige todo se sabe, ou sábese o que se pode saber, e o que queda é que se determinen as responsabilidades, na medida en que un xuízo as pode determinar, que neste caso é case nada. O que si intento é facer un retrato daqueles días. Eses retallos da vida que pasan en 20 segundos, pero en longo, e por escrito, que é do que máis ou menos sei."


Isabel Férnandez
2ºBach-B
Comentarios (1) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-11-2012 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Nunca máis! sent#blgtk08#enta veces sete.
Comentario por Master and Co. (18-11-2012 15:15)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal