Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cuerda e Rivas retratan a Galicia dos oitenta en 'Todo es silencio'

O cineasta José Luís Cuerda considera que o seu último traballo Todo es silencio, baseado na novela homónima de Manuel Rivas, é unha película "grande" que "sorbeu da sublime literatura" do escritor galego.

"Dígoo con absoluto orgullo, porque é moi difícil ver hoxe unha película que trate a cantidade de asuntos que trata esta e coa profundidade que o fai", sinalou o director durante unha rolda de prensa ofrecida hoxe na Coruña, onde presentou a cinta.

Cuerda non escatimou eloxios para Rivas -unha "bendición" para Galicia-, quen, pola súa banda, aproveitou a súa comparecencia na rolda de prensa para "reivindicar" a obra do director albaceteño.

Ademais, Rivas, que destacou o traballo de Cuerda na adaptación da súa historia, afirmou que nunca se rodou mellor o mar nunha película española" que en Todo es silencio, ata converterse nun personaxe máis.

Cuerda rodou Todo es silencio en Galicia e na súa undécima longametraxe repite colaboración con Rivas, autor do guión, para dar vida a un pobo rendido ao narcotráfico pero pondo por encima deste problema a uns personaxes que aínda "cren nos seus semellantes".

Para Cuerda, esta película é unha historia de amor cun fondo de ''romanticismo'' que trata de recrear a supervivencia de todo un pobo e a súa rendición ao narcotráfico, polo que o director entende que Todo es silencio será especialmente ben entendida en Galicia.

COMPLEXIDADE DOS PERSONAXES
O autor de Los girasoles ciegos, A lingua das bolboretas, O bosque animado ou Amanece que no es poco afirmou que nunca rodou unha película cuxos personaxes sexan tan "complexos" e "poliédricos" que teñan tatos matices.

Nesta película, explicou, non están moi claras as razóns polas que se fan as cousas porque os personaxes esconden moitos segredos.

Manuel Rivas comezou a escritura de Todo es silencio por encargo do produtor Gerardo Herrero, aínda que finalmente saíu primeiro como novela.

Nela, o autor de O lapis do carpinteiro ou Os libros arden mal aborda o narcotráfico e as redes de contrabando que operan na costa atlántica española e que acaban por controlar a vida dos pobos nos que recalan sen que os seus habitantes queiran saber o que pasa ao o seu ao redor.

Os principais papeis encárnanos Miguel Ángel Silvestre e Quim Gutiérrez, que dan vida na pantalla a dous amigos da infancia, e a galega Celia Freijeiro, xunto a Juan Diego como o corrupto capo da droga Mariscal.

Miguel Ángel Silvestre e Celia Freijeiro participaron hoxe na presentación da película e destacaron o bo facer de Cuerda para alumar unha longametraxe que a actriz cualifica de ''belísima".

A acción de Todo es silencio sitúase a finais dos anos oitenta do pasado século e está producida por Tornasol films coa participación de TVE, Canal+ e TVG.

Beatriz Molina, 2ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 10-11-2012 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal