Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Pachi Vázquez: ''Non é o momento de aventuras persoais''
O secretario xeral do PSdeG e candidato socialista á Presidencia da Xunta o 21O, Pachi Vázquez, sinalou hoxe que non será "un problema" para o cambio no seu partido pero tamén indicou que non é momento de aventuras "persoais" senón de acometer un "debate sosegado" tras o revés electoral.

O PSdeG celebrou en Santiago o seu Comité Nacional extraordinario para analizar os resultados das pasadas eleccións galegas, nas que os socialistas experimentaron un forte retroceso ao pasar de 25 a 18 deputados.

Ante o máximo órgano entre congresos, Pachi Vázquez tamén fixo un chamamento á unidade do PSdeG e pediu "respecto" para a organización xa que -dixo- "non se pode dar marteladas á carrocería deste partido".

Nun discurso moi autocrítico no que asumiu plenamente a responsabilidade do resultado electoral, Pachi Vázquez, no entanto, referiuse o problema "de fondo" de "credibilidade" do PSOE no seu conxunto, como ao seu xuízo revelan as últimas citas electorais, e incluso se referiu a que o seu partido cometeu "unha infidelidade" nalgún momento co seu electorado.

Pachi Vázquez anunciou que o partido ten convocado un Comité federal a mediados do próximo mes de decembro, no que quedará definida a "folla de ruta" no Estado, tras a que o PSdeG marcará o seu propio itinerario, que concluirá nun congreso extraordinario o próximo ano para renovar a dirección.

O dirixente do PSdeG citou os "preocupantes" datos de que a pesar de que o PP perdeu máis de cen mil votos, os socialistas caeron aínda máis e moitos dos seus apoios fóronse a outros partidos da esquerda ou á abstención.

"En Galicia non fomos capaces de romper a tendencia" que se marcou en España "hai xa moito tempo" e que confirma que "seguimos un ciclo de malos resultados" nas municipais, os xenerais ou as autonómicas de Andalucía, en que o PSOE perdeu deputados,así como nos comicios vascos e galegos.

En todo caso, subliñou que estes datos achegados non deben interpretarse como unha escusa e sinalou que asume "integramente" a responsabilidade como candidato e como secretario xeral.

Ante os máis de 400 asistentes ao Comité Nacional, Vázquez dixo que os socialistas "temos que sobrepornos" e insistiu en que na campaña falouse dos problemas da xente pero nos faltou credibilidade, a xente non nos cre".

"Botando sobre o meu todo o peso desta carga, que asumo con absoluta naturalidade e sen ningún tipo de drama, quérovos dicir que son momentos duros e temos que ser capaces de diagnosticar ben o que nos está pasando", precisou.

Tras apuntar que o electorado segue sen ver ao PSdeG como unha alternativa, Pachi Vázquez opinou que o "castigo" sufrido polos socialistas "segue vivo".

Así mesmo, tamén foi autocrítico coa súa propia organización e indicou que non pode ser que se pase un ano antes dunhas autonómicas "debatendo" cuestións internas.

É preciso, manifestou, un "profundo debate" para "revisalo todo", pero "sen perder un minuto" e seguir representando aos cidadáns nas institucións en que o PSdeG está presente, polo que apostou por abrir un período de análise. En caso contrario, sostivo, non se deterá a "sangría" de votos e "isto non ten chan", afirmou.

Os cidadáns dixéronlles, subliñou, que "a infidelidade se paga", dixo en referencia a decisións tomadas polo seu partido que "non estaban no noso credo".

Pero, insistiu, recuperar a confianza da cidadanía "nin se fai desde o resentimento nin falando mal da nosa organización, nin saír dicindo que o partido é un desastre", mentres tamén indicou que é preciso "respecto" á organización porque "non se pode dar marteladas coa carrocería" do PSdeG, insistiu.

Ademais, e ante os críticos que reclaman a súa dimisión inmediata, Pachi Vázquez afirmou que é preciso abordar "con serenidade pero sen pausa" cambios no partido.

A este respecto, insistiu en que nun proceso de cambio "as persoas, individualmente, imos ser elementos completamente irrelevantes" e díxolle aos asistentes que "nunca vou ser un problema para o cambio e a renovación do partido, onde estea vou a tratar sempre a axudar a quen asuma as responsabilidades desta organización a sacar adiante" o partido "con lealdade, disciplina e compromiso de traballo".

Ao seu xuízo, "non podemos construír un partido pensando en cada un de nós, cando chegan cambios ou reformas", senón en común.

"Non é o momento de aventuras persoais", insistiu, e é preciso que quen queiran asumir a dirección "fágano con absoluta normalidade". Así, apostou por non "facer ruído".

Aida González
2ºBach-B
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 10-11-2012 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal