Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

'Necroturismo', paseos sepulcrais por cemiterios con encanto
Necroturismo, tanatoturismo ou paseos sepulcrais, son os tres nomes que comunmente recibe o percorrido polos camposantos, en Galicia concentrado en necrópoles da Coruña e Lugo, principalmente, polo seu elevado valor mitolóxico, cultural e de patrimonio.

Na provincia de Lugo, está o vello camposanto de Mondoñedo, lugar que acolle os panteóns de recoñecidos músicos e escritores, algúns fillos ilustres da cidade, como Álvaro Cunqueiro, en cuxa lápida se pode ler o coñecido epitafio "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase 1.000 primaveras máis".

Ademais, están neste cemiterio Leiras Pulpeiro e Pascual Veiga.

Noutra localidade lucense, Monterroso, celebrouse hoxe a Feira de Santos que, segundo o alcalde, o socialista Antonio Gato Soengas, é a "máis antiga de Galicia", con máis "de cincocentos anos" de historia documentada.

Na provincia de Coruña o coñecido como cemiterio do fin do mundo, en Fisterra, acapara todas as miradas. Está composto por 14 cubos de granito proxectados cara ao mar desde un portentoso cantil e ideado por César Portela, arquitecto premiado por levantar unha das mellores obras funerarias do mundo, na que non hai defuntos.

A configuración e o valor metafórico do seu deseño, esa especie de colectores, neste caso brancos, que o océano arroxa a terra cando se produce un naufraxio; así como o seu emprazamento, lindante con mar e ceo, convence aos veciños da zona partidarios da modernidade, pero non aos que están máis apegados ás tradicións.

Noutra localidade da Costa da Morte, Camariñas, está o Cemiterio dos Ingleses, cunha historia ligada ao naufraxio do Serpent.

En 1990 celebrouse o centenario dese afundimento e para iso restaurouse a pequena construción onde foron enterrados os 172 mariñeiros ingleses que faleceron no fatídico accidente.

Outro lugar santo de repouso que cautiva aos visitantes é San Amaro, na capital coruñesa. Así quedou demostrado coas visitas programadas o pasado verán, con motivo do seu bicentenario, en quendas de día ou de noite, e cunha duración de hora e media.

Emprazado igualmente fronte ao mar, está considerado un dos máis importantes de Galicia, e unha das mellores mostras do neoclásico, así como un dos poucos cemiterios mariños do planeta.

Entre os seus inquilinos figuran científicos, políticos, intelectuais e artistas, como os músicos Marcial do Adalid ou Castro Chané, ou poetas como Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Manuel Murguía ou Wenceslao Fernández Flórez.

En Noia, municipio coruñés, os turistas acoden ao cemiterio de Santa Cristina para coñecer a réplica da Catedral de Santiago de Compostela que adorna unha sepultura e foi tallada minuciosamente por un dos veciños do lugar.

Beatriz Molina, 2ºA Bacharelato
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 02-11-2012 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Oportuno artigo. Se#blgtk08#guimos blogueando.
Comentario por Mr. G-Force (03-11-2012 11:03)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal