Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Quen nos representa?

A análise convencional dos resultados electorais céntrase no resultado político, que son as porcentaxes de votos válidos e os escanos que obteñen as candidaturas. E queda claro que os xornalistas non se fixan noutros detalles cando ningún se preguntou, no ano 2011, como fora posible que Mariano Rajoy conseguise 186 escanos, dezasete máis que Zapatero catro anos antes (169), con 422.000 votos menos. A análise certa é o que se fai en número de electores, e sobre todo en porcentaxes sobre o censo total, que é a unidade de medida que permite comparar os resultados que se producen en ámbitos e convocatorias diferentes.

Cada punto do censo electoral galego son 27.000 electores. Cando se sumaron os case 400.000 censados que residen no estranxeiro e teñamos os resultados definitivos, o PP terá perdido cinco puntos de censo respecto ao ano 2009 para quedar no 25 %; outros tantos o BNG, reducido ao 5,6 %, e nove puntos o PSdeG, que xa só alcanza a representar ao 11 % do censo electoral galego. Estes tres actores, o PP, o PSdeG e o BNG, perden un total de 18,3 puntos de censo respecto ao ano 2009, isto é, 494.000 electores. Quedaron na abstención 9,7 destes puntos, que son 262.000 votantes menos, polo que quedan 8,6 puntos de censo -232.000 electores- que gañou alguén. A Alternativa Galega de Esquerda (AGE) fíxose con 7, sumando 186.000 votos á posición de Esquerda Unida do 2009, e os outros 1,6 (43.000 votos) conseguíronos os novos CxG (14.000), SCD de Mario Conde (15.000) e outras candidaturas menores.

Feijoo conservou a maioría absoluta porque o PSOE continúa enredado no xogo da esquerda e a dereita que reclama De Cospedal, o dunha esquerda que aglutine, cando ese marco cognitivo pasou á historia entre os cidadáns dos Estados endebedados do sur de Europa.


Non hai esquerda e dereita

Xa non hai esquerda e dereita, hai unha política económica única sobre a rexión, e cidadáns que son sumisos a esta, e outros que non. O que responde á gran pregunta destas eleccións: ¿que é o que votaron os 201.271 electores de AGE? ¿Son sobre todo nacionalistas? Non. ¿Son galegos que se converteron ao comunismo de Cayo Lara? Tampouco.
Son electores que identificaron a Beiras como un aliado nas institucións para facer fronte á política unificada de redución do déficit público. Son os mesmos que os votantes de Compromís na Comunidade Valenciana, Cinco Estrelas en Italia ou Syriza en Grecia. E o factor aglutinante é común: a insubmisión á política única da Unión Europea. Son electores que votan a quen se opoña frontalmente a esta. Desde Syriza, non hai que ser sistema nin parecelo para ser opción de goberno. A aprendizaxe é sorprendente: pódense gañar eleccións propondo o caos. Fixémonos en Artur Mas, perdíao todo e saíuse do sistema para recuperalo. E recuperouno, propondo un futuro moito máis que incerto.

A AGE de Beiras ingresou, segundo os nosos cálculos, 82.000 electores procedentes do BNG e 78.000 do PSdeG, ademais de 16.000 abstencionistas, 4.000 primeiros votantes e outras achegas menores. A demanda está aí, aínda que a oferta non ten moitas opcións de perdurar no tempo. A tensión empeza agora, por exemplo, se Pedro Escobar (EU), que non presentou emenda á totalidade dos orzamentos do PP en Estremadura, os deixar pasar.

O Bloque, referencia
A estrutura do novo electorado que lidera Beiras despexa outra incógnita: o Bloque segue sendo a referencia hexemónica do nacionalismo galego, agora con 144.330 votos, moitos máis dos que se foron con Beiras ao espazo cidadán de ruptura. E o resultado, que non é bo, tampouco é a catástrofe para o BNG. Agora a súa vantaxe é dispor dun espazo electoral claro, que lle permite rearmarse como o fixo ERC desde o ano 2010. E outras vantaxes: o PSdeG non ten proxecto e o de AGE non se explica sen Beiras. É máis, desde o 21-O, o BNG disputa a contenda no espazo cidadán de ruptura co PSdeG como observador. Dicimos isto porque Jorquera xa fixou a posición exacta nesta campaña: a débeda pública externa do Estado español non se debe pagar, porque non é lexítima nunha proporción importante pero descoñecida.

Partido do pelotón
Pola súa banda, O PSdeG-PSOE será unha partido do 11,2 % do censo electoral galego axiña que se escrute o CERA, un partido do pelotón. Os socialistas non saben saír do pozo no que os sumiu Zapatero . Non asumiron que xa non gañarían as eleccións xerais, fracasaron nas municipais, designaron candidato a Rubalcaba sen unha mercadotecnia previa de distanciamento de Zapatero , perderon 4,3 millóns de votos e a súa proposta foi se Rubalcaba ou Chacón, que acababa de perder 600.000 en Cataluña, ou Tomás Gómez, con medio millón de votos menos en Madrid. Isto é todo o que se lles ocorreu, en lugar de dimitir. Todos. Xúntanselles as reflexións, cando non teñen outra solución que renovarse e dar resposta aos electores sumisos ao euro. Isto é o que esperan Merkel e Hollande, representando a outros cidadáns europeos que non queren unificación política nin eurobonos. Isto, ou autorrepresentarse. No espazo cidadán de ruptura non se lles quere ver nin en pintura.

Escanos en Branco
A formación política Escanos en Branco (EB) atribuíu hoxe o resultado dos comicios autonómicos do pasado domingo, que supón a sexta posición, "desafección" política da poboación.

Así o indicaron os seus representantes nunha conferencia de prensa celebrada esta tarde en Ourense para facer balance dese resultado que consideraron que a poboación ten "ganas de expresarse".

A formación política sinalou conseguir 17.116 votos nos comicios autonómicos, o que supón o sexto lugar, por diante do partido UPyD.

Eses resultados representaron unha "sorpresa" para a formación, que subliñou que vai seguir traballando e continuar difundindo a súa idea, tras percibir o descontento da cidadanía, que está "aburrida" do que ofrecen os partidos maioritarios.

Carlos Álvarez Ramos,2ºA Bacharelato
Comentarios (2) - Categoría Xeral - Publicado o 27-10-2012 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Este artigo incide e excede este blog polo seu calado. Requiría un foro en si propio, mais moito me temo #blgtk08#que a maior parte dos teus compañeiros non están tan interesados canto estás e estivemos outros noutrora.
Comentario por Mr. G-Force (28-10-2012 23:00)
2 Eu creo que CxG sac#blgtk08#ou algún voto máis.
Comentario por Galego na rede. (16-12-2012 19:00)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal