 O profesor da Universidade de Vigo e escritor nacido en Dodro Anxo Angueira Viturro preside dende onte a Fundación Rosalía de Castro, con sede na Matanza, no concello coruñés de Padrón. A entidade celebrou un plenario extraordinario para elixir ao presidente e a nova comisión executiva que, encabezada por Anxo Angueira, está integrada ademais pola vicepresidenta Luz Pozo Garza; como secretario, Xosé Carlos Beiró Piñeiro; tesoureiro, Justo Cortizo Sóñora, ademais de cinco vocais: Xesús Alonso Montero, que preside o Centro de Estudos Rosalianos; Ana Blanco, presidenta en funcións ata onte; María do Carme Kruckenberg, Xosé Luís Axeitos e Dolores Vilavedra.
O novo presidente declarou que, co seu equipo, confía en «sacar a fundación adiante pouco a pouco», tendo en conta o actual momento de crise, polo que ten a «esperanza de levar a nave a bo porto», asegurou o autor.
Anxo Angueira explicou, ademais, que decidiu presentar a súa candidatura á presidencia porque considera que «a situación que estaba vivindo a fundación era grave», a pesar, di, de que é a institución que representa a bandeira de Galicia e do pobo galego, como é Rosalía de Castro.
Angueira presentou ao plenario un programa de goberno para os próximos anos, cunhas liñas básicas que pasan, en primeiro lugar, por integrar todas as institucións e todo o padroado nos proxectos e liñas de actuación da entidade, de modo que «todo o mundo participe». O novo equipo tamén pretende reactivar as actividades e actualizar o perfil museístico da Casa-Museo de A Matanza, ademais de fomentar os vínculos desta e da fundación co Concello, coas institucións e, en xeral, «co pobo de Padrón».
Elena Corral Fernández
1ºA Bacharelato |