Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Persoal da Xunta censura o «malgasto» do Gaiás nunha protesta polos recortes
Traballadores da Xunta converteron onte o Gaiás en símbolo do «malgasto» para reprobar a política de recortes do Goberno galego no ámbito dos servizos públicos. Os manifestantes, un milleiro segundo a organización, elixiron o complexo levantado nos arredores de Santiago como punto de partida dunha marcha que percorreu parte do centro histórico da cidade ata chegar ao edificio administrativo de San Caetano.

A mobilización, organizada polo comité intercentros da Xunta e os provinciais da Consellería de Traballo, denunciaba a amortización de postos de traballo nos centros de Benestar ao aplicar a lei de medidas temporais no emprego público. Os traballadores denuncian que a Xunta entregou unha listaxe aos sindicatos no que fai referencia a 266 «postos a amortizar», dos que 200 corresponden á Consellería de Traballo. Aseguran que retirou prazas do concurso de traslados porque a lei lle obriga a prescindir das que estean ocupadas polo mesmo persoal interino desde xaneiro do 2005, aínda que matizan que eses postos deben ser cubertos a través dun plan de consolidación.

A conselleira Beatriz Mato desmentiu na Coruña a denuncia sindical sobre a redución das 200 persoas en Servizos Sociais. Atribuíuno a unha «mala interpretación intencionada» e dixo que «o que non salgan a concurso non quere dicir que non se cubran». Engadiu que se vai facer unha amortización de 38 prazas, pero se crearán 48, co que o saldo é positivo».

A elección do Gaiás como arranque da protesta trataba de facer ver a contradición dos recortes coa aposta por un complexo que ía custar 108 millóns e engulirá entre 305 e 480, se o Executivo decide no futuro retomar os dous edificios paralizados. Consideran o Gaiás «símbolo máximo do malgasto do diñeiro público galego».

O alcalde compárao coa catedral

O alcalde de Santiago, Ángel Currás (PP), cre que un proxecto como a Cidade da Cultura «ten que ter defensores e detractores, como os tivo, imaxino, que a catedral de Santiago cando se construíu alá polo ano 1200, ou como o Guggenheim de Bilbao e agora ninguén dubida dese referente, ou a Cidade das Artes e as Ciencias ou o Fórum de Barcelona». Nunha entrevista na Ser, Currás, que foi durante cinco anos xerente da Fundación da Cidade da Cultura, admitiu onte que é «difícil» terminar o complexo nunha situación económica como a actual, pero expresou a súa «plena confianza» en que se completará. «Eu creo que hai que esperar uns anos e despois terminar isto como sexa», dixo.

Sara Carroceda González, 1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 12-05-2012 16:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal