Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Antón Reixa, novo presidente da SGAE
Antón Reixa (AUNIR) foi elixido novo presidente da SGAE por 24 votos a favor durante a primeira sesión da Xunta Directiva da entidade reunida este martes. Na súa primeira comparecencia ante os xornalistas tras acceder ao cargo, dixo que o morbo se extinguiu e aquí comeza unha nova SGAE". "Hoxe é o día do autor, pois os autores soberanamente asumimos o control da institución", engadiu.

Despois dun catro horas de reunión da primeira Xunta Directiva que saíu das eleccións do pasado 26 de abril, Reixa obtivo 24 votos dos 37 membros presentes --ausentáronse Miguel Ríos e Eva Yerbabuena--, mentres que José Miguel Fernández Sastrón (DOM) logrou 11 e houbo dous votos en branco.

Tras a súa elección, Reixa asegurou que leron o pasado con "autocrítica", e dixo que a SGAE "vai cambiar" e que os 39 membros da Xunta cren que "non hai volta atrás".

"Aspiramos a unha SGAE máis discreta, non presidencialista e colexiada", sinalou, para despois fixar entre as súas prioridades revisar o orzamento de 2012 e desenvolver un plan de eficiencia, así como afrontar o "problema" da Rede Arteria e acordar o nomeamento dun conselleiro delegado.

Entre as súas prioridades ocupa un lugar destacado preparar unha Asemblea Extraordinaria para comezar a revisar os estatutos da entidade para, entre outras moitas cuestións, "que se rebaixen as facultades do presidente". Sobre o seu soldo á fronte de SGAE, indicou que non sabe canto será, pero que cre que será duns 50.000 ou 70.000 euros ao ano, como o anterior presidente da Xunta --que non era Teddy Bautista, pois este ocupaba o cargo de presidente do Consello de Dirección e chegou a cobrar 250.000--.

A este respecto, aclarou que agora a figura do presidente da Xunta Directiva e do Consello é a mesma. "Todos somos autores e temos que seguir séndoo despois de ser directivos. Eu garanto que non vou abandonar a miña condición de autor e empresario teatral", insistiu. Ademais, na reunión deste martes conformáronse dúas vicepresidencias, ocupadas por Miguel Fermoso e Fermín Cabal, e un Consello de Dirección.

Por último, resaltou que non está "asustado, senón honrado", aínda que recoñeceu que "o horizonte é complexo". A pesar diso mostrouse convencido de que a SGAE "é viable e ten futuro no económico e no social". Ademais, reclamou que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte "exerza da forma máis eficaz o seu labor de tutela". "Queremos que nos tutelen", sentenciou.

VICEPRESIDENTES E CONSELLO DE DIRECCIÓN

A Xunta Directiva que encabezará Reixa contará como vicepresidentes con Miguel Fermoso, polo Colexio Audiovisual, con Fermín Cabal, polo Colexio de Gran Dereito, e con Teresa Alfonso (TEDDYSOUND), polo Colexio de Editores.

Así mesmo, quedou constituído o Consello de Dirección, órgano ao que corresponde a administración permanente e executiva da entidade, formado por doce membros designados pola Xunta Directiva a proposta dos colexios profesionais respectivos: dous de Gran Dereito, cinco de Pequeno Dereito, dous de Audiovisuais e tres de Editores.

Así, polo Colexio de Gran Dereito serán Carles Alberola Ortiz e Fermín Cabal Rise, mentres que o Colexio de Pequeno Dereito estará representado por Manuel Aguilar Figuero, Jesús Glück Sarasibar, Javier Losada Calvo, Antón Reixa Rodríguez e José Zárate Rodríguez.

Por parte do Colexio de Obras Audiovisuais serán Julia Altares Medina e Enric Gomà Ribas e, finalmente, o tres membros do Colexio de Editores serán M 20, S.L. - Carlos Martínez Ortiz (M 20 S.L), Juan Ignacio Alonso (Sony) e Álvaro de Torres Zabala (Warner Chappell).

BIOGRAFÍA DO NOVO PRESIDENTE DA SGAE

Reixa, nacido en Vigo en 1957 e licenciado en Filoloxía, é poeta, músico, guionista, director e produtor de cinema e televisión. Presidente da produtora audiovisual Filmanova desde 1999, foi presidente do Cluster Audiovisual de Galicia e actualmente colabora no programa de Onda Cero Julia na Onda.

Como artista multimedia comezou a súa andaina escribindo poesía desde o Grupo de Comunicación Rompente (1975). Foi letrista e cantante do grupo Vos Resentidos (1982-94). Son múltiples os seus traballos no campo da vídeocreación, producindo numerosos videoclips. Neste sentido, a súa última obra, Leccións de Cousas, expúxose no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) de Santiago de Compostela até o pasado mes de outubro 2011. O seu último libro de poesía publicado é Látego de Algas (agosto 2008).

Produtor Executivo de Cinema e Televisión, foi director, guionista e produtor das películas O Lapis do Carpinteiro e Hotel Tívoli.


Tania Airas
1ºB-Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 11-05-2012 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal