Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

«Un canto e unha luz na noite» estuda o asociacionismo cultural na ditadura
Ramón Villares e Ricardo Gurriarán coincidiron en sinalar que a exposición "Un canto e unha luz na noite" era unha homenaxe ás asociacións culturais que nos últimos quince anos do franquismo dinamizaron o tecido cultural e social de Galicia, superando os atrancos que puña a ditadura.

A exposición coordinada por Ricardo Gurriarán foi ideada, segundo Ramón Villares, «para recoñecer o traballo das xentes e os colectivos pioneiros do asociacionismo cultural». A mostra está organizada polo Consello da Cultura e a Fundación 10 de Marzo e desde hoxe e ata o 13 de maio poderá verse no Museo do Pobo Galego, iniciando despois un percorrido itinerante por distintas cidades de Galicia.

Gurriarán sinalou que a mostra quería recuperar o traballo realizado por asociacións como "O Galo", nada en Compostela en 1961; "O Facho", que se formou en A Coruña en 1963 ou a Asociación Cultural Vigo nacida en 1965. Ademais de documentación, imaxes, publicacións e carteis dos colectivos que traballaban en Galicia, a exposición ofrece nos seus vinte paneis a eclosión do asociacionismo galego no exterior e tamén a multiplicación de asociacións que tivo lugar en Galicia chegando aos anos setenta.

Gurriarán salientou o xeito en que estas asociacións foron penetrando na sociedade «utilizando un quefacer tenaz e unha metodoloxía prudente que supuxo os primeiros pasos na construción dunha cultura nacional».

Segundo o seu coordinador, a mostra está baseada na recollida de preto de 20.000 documentos que agora, en versión dixital, xa están a disposición dos investigadores nos fondos do Consello da Cultura Galega e tamén nas entrevistas realizadas con persoeiros que foron promotores de asociacións ou participaron nas actividades levadas a cabo durante os anos da ditadura en Galicia.


Alba Muñoz López ( estudante de Grao en Lingua e Literatura Galegas)
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-04-2012 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal