Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Vestido, calzado e gasolinas, culpables do incremento do índice de prezos de marzo


O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) subiu sete décimas en marzo en Galicia, aínda que rebaixou a súa taxa interanual ao 2%, unha décima menos que a rexistrada en febreiro, de acordo cos datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En toda España, o IPC subiu tamén un 0,7% en marzo en relación ao mes anterior por efecto, entre outras cousas, do encarecemento das gasolinas e do vestido e o calzado, pero situou a súa taxa interanual no 1,9%, unha décima inferior á de febreiro e a máis baixa dende agosto de 2010. O descenso da taxa anual dos prezos contrasta co estancamento rexistrado no mes de febreiro, cando o IPC non experimentou variación ningunha e se mantivo no 2%.

En Galicia, tamén foron os apartados de vestido e calzado, cunha suba intermensual do 3,9%, e do transporte, cun 1,4% de aumento, os que empurraron á alza o IPC de marzo. No que vai de ano, non obstante, o índice rexistrou unha caída do 0,7% na comunidade, provocado polo efecto das rebaixas de inverno, que levaron a un descenso do 13,6% no vestido e o calzado no primeiro trimestre.

Entre febreiro e marzo experimentaron aumentos os prezos de todos os grupos de bens e servizos, salvo os de alimentos e bebidas non alcohólicas, os de bebidas alcohólicas e tabaco, os de medicina, os de ensino e o grupo doutros bens e servizos, que permaneceron sen variación.

Pola súa banda, subiu cinco décimas a vivenda, dúas décimas o enxoval, catro décimas o ocio e a cultura, outras dúas décimas os hoteis, cafés e restaurantes e unha décima as comunicacións.

Na comparación interanual, as maiores subas foron o 4,9% do transporte, o 3,8% da vivenda, o 3,3% do ensino e o 2,4% dos alimentos e bebidas non alcohólicas. Aumentaron tamén as bebidas alcohólicas e o tabaco (un 1,7%); o enxoval (un 1,3%); o ocio e a cultura (un 0,5%); os hoteis, cafés e restaurantes (un 1,1%) e o apartado doutros (un 1,5%).

En cambio, as comunicacións rexistraron unha baixada do 3,4%; os prezos da medicina caeron un 2,5% e o vestido e o calzado perderon unha décima.

Por provincias, o IPC subiu sete décimas, en termos intermensuais, en A Coruña e Pontevedra; mentres que en Lugo o incremento foi de seis décimas e en Ourense de oito. Na comparación interanual, Lugo e Ourense rexistraron un incremento do 2,1%, fronte ao 1,9% de A Coruña e Pontevedra.
Sara Velasco
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 14-04-2012 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal