Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Ao AVE galego quédalle o 68% no 20º aniversario do sevillano
Tal día como hoxe, hai vinte anos, España daba unha boa mostra da solidez da súa enxeñería ao inaugurar, tras só catro anos e medio de obras, a primeira liña de alta velocidade española, entre Madrid e Sevilla. Dous decenios despois, Barcelona, Málaga, Zaragoza, Tarragona, Valencia, Cuenca, Albacete, Segovia e Valladolid gozan do medio de transporte máis eficiente e competitivo, mentres que o norte e o noroeste do país continúan descolgados da alta velocidade.

Neste deseño hemipléxico das infraestruturas, que priorizou o desenvolvemento do sur e o leste do país, Galicia ten que soportar as críticas de políticos cataláns polos investimentos no seu novo acceso ferroviario. E iso a pesar de que, doce anos despois de que se iniciasen as primeiras obras, aínda quedan por investir 9.455 millóns de euros, o 67,5 % dos algo máis de 14.000 que custa a conexión entre Olmedo (Valladolid) e as principais cidades galegas.

Tras máis dun decenio de obras, Galicia goza xa dun trazado interno de alta velocidade que une as cidades da Coruña, Santiago e Ourense, unha liña na que se investiron 3.300 millóns e que se inaugurou o pasado 10 de decembro. As obras continúan no trazado sur do eixo atlántico cara a Vigo, onde se gastaron xa outros 756, pero no que aínda son necesarios 898 millóns para finalizalo a principios do 2014. Entre Olmedo e Ourense, as obras van máis atrasadas e só se gastaron 505 millóns dos 6.557 que son necesarios no tramo máis complexo e caro de todo o acceso ferroviario. No entanto, é posible que o nivel de investimento permita que o AVE chegue a Zamora no 2013, podendo deixar o tempo de viaxe entre Galicia e Madrid en cinco horas e media.

Conexión con Vigo
Tamén está pendente a conexión directa de Vigo, orzada nuns 2.000 millóns e que a ministra Ana Pastor comprometeuse a executar. No orzamento global non está incluída a mellora da liña Ourense-Lugo, nin os dous extremos do eixo atlántico a Ferrol ou a fronteira portuguesa, proxectos todos estes que están en fase inicial salvo un tramo en obras na conexión con Lugo.

Aínda que houbo importantes avances, a montaña ourensá segue sendo o maior obstáculo para que os galegos gocen algún día do que os sevillanos teñen desde hai vinte anos, cando o Goberno de Felipe González, nunha decisión de relevancia histórica, optou pola conexión con Sevilla antes que a de Barcelona. Como no caso galego, o obxectivo era vertebrar o país.

Sara Carroceda González, 1ºA Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 14-04-2012 18:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal