Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A velocidade, probable causa do accidente na ponte do Ribeiriño
A policía local de Ourense traballa sobre a hipótese do exceso de velocidade máis do dobre do permitido? como causa principal do grave accidente de tráfico do luns na ponte do Ribeiriño. Unha das dúas mozas ocupantes do Seat Córdoba siniestrado sofre lesións moi graves, polo que permanece hospitalizada na unidade de Reanimación do CHUO, mentres a súa compañeira evoluciona de forma favorable.

O ateigado ao xulgado aínda non estaba terminado onte, segundo unha nota difundida por este corpo policial dependente do Concello de Ourense, na que afirma que «non consta» un suposto pique entre condutores. E «moito menos», din, un caso de aquaplaning, «algo estraño, pois non estaba mollada a calzada», segundo fan notar.

O Seat Córdoba siniestrado saíu lixeiramente cruzado ao asomar desde o túnel cara á ponte do Ribeiriño. Circulaba polo carril dereito e acababa de ser pasado por un Golf, que o facía polo esquerdo. Un terceiro turismo, alleo aos anteriores, non chegou a incorporarse á calzada na entrada á ponte do Ribeiriño, pois era o momento no que a condutora do Córdoba xa perdera o control do turismo para chocar inicialmente contra a mediana antes de envorcar e quedar sobre a ponte. O traballo da Policía Local estase vendo favorecido pola existencia de imaxes gravadas das cámaras de vixilancia que controlan a circulación nas pontes.

Nuria Vázquez Gómez, 1º A de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 24-04-2016 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
Fotografía para expandir o territorio: Galiza, Portugal, Brasil
En pé de igualdade, a fotografía contemporánea galega, brasileira e portuguesa danse a man no proxecto Territorio Expandido que a área de Cultura da Deputación da Coruña instalou na Dársena da cidade, por vez primeira empregado como espazo expositivo. A mostra supón o encontro destas culturas, non só por se tratar dunha mostra colectiva de 37 creadores e creadoras das tres procedencias, senón tamén porque o proxecto está ao coidado dun comisariado colectivo composto pola directora do festival Encontros de Fortaleza, Patricia Veloso, pola directora artística do festival Encontros da Imagem de Braga, Ângela Ferreira, e dos responsábeis do Outono Fotográfico, Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez.

“Territorio Expandido é así máis que unha exposición colectiva de fotografía contemporánea na rúa, á pé do mar, senón tamén o lugar de encontro de tres culturas próximas, irmáns, mais, infelizmente, sen moitas pontes de comunicación entre elas, por iso nos compracemos en acoller este encontro que provén dos tres festivais de fotografía e confiamos en que desta iniciativa xurdan moitas máis como pontes de comunicación imprescindíbeis”, sinalou a responsábel da área de Cultura e Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín.

“No proxecto, a fotografía contemporánea toma a rúa, fóra dos habituais espazos expositivos, para sorprender e facer reflexionar, atravesando fronteiras e achegándose ao público, para intensificar tamén ese encontro tamén necesario entre a xente e as novas linguaxes da arte”, apuntou tamén Goretti Sanmartín dun proxecto que, como explicou, vai máis alá da propia exposición para promover encontros de profesionais e persoas amadoras da fotografía por medio de conferencias, presentacións de libros, obradoiros ou mesas redondas que se desenvolven este fin de semana na cidade da Coruña.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 23-04-2016 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
Unha profesora de Nigrán crea e ensaia cunha banda de gaitas de Brasil por Skype
Varios dos alumnos de May da Peña están a máis de 5.500 quilómetros de distancia. Coñecéronse persoalmente en Brasil, onde ela viaxou a través do programa de profesores galegos do mundo da Xunta no 2011. Desde entón só puideron traballar xuntos fisicamente en dúas ocasións, pero desde Nigrán, May da Peña creou, ensaia e dirixe ao Grupo de Gaitas e Percusión de Santos, un municipio de costa como o seu pero que está en litoral de San Paulo.

Foi un dos seus alumnos, de tan só sete anos, o que lle deu a idea de sortear as fronteiras espaciais a través das vídeo chamadas gratuítas de Skype. «Eu daba clases de baile no Centro Español de Santos e eles eran moi bos e traballaban moito así que me pareceu moi inxusto que tivesen que danzar con música de disco compacto», recorda May da Peña . A filla de Teodoro da Peña e Gloria Costas, fundadores da asociación Breogán Vale Miñor, entidade que cumpre agora 40 anos e na que traballa coa súa irmá xemelga Glori, herdou tamén a súa paixón pola música e a arte, así que non dubidou, recorda, en buscar unha alternativa á música enlatada.

«Tiñan algunhas gaitas pero moi vellas e estragadas así que, aínda alí, o que fixen foi facer frautas rectificadas, que se conseguen empregando silicona para abrir ou pechar os buracos e conseguir así tonalidades parecidas ás da gaita», explica a moza miñorana. Tamén arranxou algunhas das gaitas que aínda tiñan posibilidades e, sobre o terreo, dirixiu aínda as primeiras actuacións do seu grupo brasileiro-galego. Entón eran uns 6 mozos músicos, pero, a día de hoxe son 17 en persoal, 12 gaiteiros e 5 especialistas en tambor e bombo.

As clases son os sábados e aínda que a profesora está en Nigrán e hai un océano de cinco horas de distancia, conseguiron tocar xuntos. Tanto así que ata antes de cada actuación, «e tamén a través do Skype, repasamos e afinamos os instrumentos».

Lucía Vázquez Nóvoa, 1º B de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
O papa aos refuxiados de Lesbos: «Non estades sós, non perdades a esperanza»
O pontífice e os líderes ortodoxos piden ao mundo un maior esforzo ante a «grave crise humanitaria» O papa Francisco visitou este sábado aos refuxiados que se atopan no campo para inmigrantes de Moria, na illa grega de Lesbos, onde saudou un a un a decenas de nenos, a maioría dos cales fixeron sós a perigosa viaxe por mar desde Turquía a Grecia.

No campo esperaban ao pontífice centos de persoas. Moitos portaban carteis con inscricións como «queremos liberdade» e «es a nosa esperanza». Entre eles había yazidíes (unha minoría relixiosa de Oriente Medio), paquistanís e kurdos. Unha muller botouse a chorar e rogoulle que a levase con el.

«Quixen estar hoxe convosco. Quero dicirvos que non estades sós. Nestas semanas e meses, sufristes moito na vosa procura dunha vida mellor. Moitos de vós vístesvos obrigados a fuxir de situacións de conflito e persecución, sobre todo polo ben dos vosos fillos, polos vosos pequenos», sinalou o pontífice na súa mensaxe no campamento. «Viñemos para atraer a atención do mundo ante esta grave crise humanitaria e para implorar a solución da mesma», sinalou.

O papa Francisco deu unha nota final de sorpresa á súa visita á illa grega de Lesbos e levouse no avión papal a doce refuxiados. «O papa quixo dar un signo de acollida aos refuxiados acompañando a Roma no seu mesmo avión a tres familias de refuxiados, doce persoas, das cales seis menores de idade», indicou o pai Federico Lombardi, quen precisou que a iniciativa foi tomada co permiso das autoridades competentes.

Antía Ramos Gallego, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe musical a Manuel María no IES María Soliño de Cangas
Mini e Mero, fundadores de “Fuxan os ventos”, estiveron no IES María Soliña de Cangas este venres 15 de abril para rendir homenaxe a Manuel María, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Baixo o nome artístico deste dúo de cantautores chairegos agóchanse Baldomero Iglesias e Xosé Luís Rivas, que chegaron acompañados do violinista ucraíno Sasha, para cantar poemas de Manuel María e Bernardino Graña, entre outros poetas galegos.

Sempre defendendo o galego por encima de todo, preocupados por recuperar o patrimonio inmaterial do noso país e facendo unha continua defensa do ensino público, os integrantes do grupo ‘A Quenlla’, hoxe en día formado por dez músicos, encheron o IES María Soliño de esperanza para o futuro de Galicia.

Foi unha actuación pensada para todo o alumnado e profesorado do centro.

Selena González Rodriguez, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Condenado a 6 anos por facer fotos a nenos coruñeses en parques e colexios
Saía á rúa coa súa pequena cámara, escondíase tras árbores ou vehículos e sacaba fotografías a nenos e nenas en parques e xardíns da Coruña. Tamén tomou imaxes de tres menores da familia. Fai dúas semanas, este coruñés sexagenario foi xulgado por iso na Audiencia da Coruña e pese a declararse inocente e amante da fotografía, terminou sendo condenado a seis anos e medio de prisión como autor dun delito de pornografía infantil e outro de elaboración de material pedófilo.

A este home atrapárono grazas ao dono dunha tenda de informática á que levara o seu ordenador a reparar. Cando o técnico procedeu ao seu arranxo, en agosto do 2012, observou que tiña multitude de vídeos e imaxes de contido sexual con menores de idade. Fixo o que tiña que facer, chamar á policía, que acudiu ao establecemento a recuperar o ordenador. Cando se comprobou o que alí había, procedeuse á súa detención. Xa co pedófilo arrestado e en compañía do seu avogado, a policía rexistrou o seu domicilio, achando multitude de tarxetas de memoria con numerosas fotos e vídeos de nenos. Localizáronse 28.900 imaxes e 1.905 vídeos nos que aparecían menores de idade en escenas sexuais. Coa investigación xa avanzada constatouse que o inculpado non se limitou a descargar arquivos pedófilos en Internet e realizar fotos en lugares públicos a nenas e adolescentes, senón que dera un paso máis. Fotografou a tres menores da familia.

Nuria Vázquez Gómez, 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
Festa 'indie' do Cineclube compostelán con Emilio José e a estrea de Atrás Tigre
A festa vai dar comezo ás 19:30 coa proxección do primeiro filme de Woody Allen: Que foi, Tiger Lily? Nesta fita, Allen colle un filme de espías xaponeses para dobralo ao seu xeito e convertilo na historia do axente secreto Phil Moscowitz, contratado polo Gran Exaltado Alto Maxá de Raspur para buscar unha valiosa receita de ensalada de ovos que foi roubada, nunha trama inzada de chistes visuais, xogos de palabras e todo tipo de brincadeiras.

As actuacións musicais ao vivo terán lugar a partir das 21:30, comezando coa agardada estrea en directo de Atrás Tigre, un proxecto pop nacido en Compostela no que conflúen as músicas e letras en galego de algúns nomes máis ligados á poesía, como Olalla Cociña ou Xiana Arias, que son o 50% da banda xunto con Pedro Carrasco e Carlín.

A continuación, Emilio José -músico de culto no indie patrio- presentará o seu novo disco Agricultura Livre (editado por Foenh Records), acompañado de Os Indígenas, banda formada por algúns membros de Os Amigos dos Músicos. Tamén actuará co DJ set Nistra, un dúo mariñao que emprega a tecnoloxía como ferramenta para experimentar coa ruptura de fronteiras entre xéneros. Para rematar a noite, DJ Chapaev.

Sofía Fernández Martínez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Terra, plantas e árbores, máis palabras para o Atlas Lingüístico
Este novo volume, coordinado polo catedrático da USC Francisco Fernández Rei, ocúpase das cuestións vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. Segundo explica o equipo do ALGa, a gran novidade formal deste sexto traballo está no fondo do mapa, onde se marca o relevo do territorio lingüístico.

O material cartografado agrúpase en dous grandes bloques: terra, en tanto que espazo físico non alterado polo ser humano; e plantas e árbores, con denominacións de arbustos, plantas e árbores silvestres e froiteiras e froitos. Ademais dos 272 mapas, a obra inclúe un anexo de plantas con información adicional. Ese material tamén se agrupa en dous grandes apartados. O primeiro está dedicado á terra, con 116 mapas con cuestións relativas ao monte, ao val, á auga e ás consecuencias da erosión desta e ao tipo de pedras e minerais. O segundo céntrase nas árbores e nas plantas e consta de 204 mapas coas denominacións de plantas silvestres e arbustos, árbores silvestres e froiteiras, e tamén dos seus froitos. Con 22 mapas, merece especial atención o léxico da castaña, froito que tivo unha grande importancia tradicionalmente na economía galega.

O ALGa seguirá medrando proximamente co sétimo volume O ser humano (II), coordinado pola académica Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio C. Sousa, e que xa está case rematado. O oitavo, Agricultura (I), en fase moi avanzada, coordínao outro membro da Academia, Manuel González; e o noveno, Fauna, en fase incipiente, realizarase baixo a coordinación de Francisco Fernández Rei. Están proxectados tres volumes máis cos que se completará a serie léxica do ALGa.

Con esta, son xa seis as publicacións derivadas do proxecto Atlas Lingüístico Galego, cuxa finalidade é describir as variedades xeográficas do galego moderno. Tanto este volume como os próximos edítanse coa axuda da Fundación Barrié e a colaboración do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 17-04-2016 10:53
# Ligazón permanente a este artigo
O presidente dos empresarios galegos prefire esta opción para pedir un novo crédito á banca para paliar as urxencias de tesourería; a auditoría definirá se son necesarios máis recortes
As tensións de tesourería da Confederación de Empresarios de Galicia empúxana cara a unha nova negociación coa banca. A patronal está disposta a asumir un novo endebedamento para facer fronte ás facturas e a opción que prefire o seu presidente, Antonio Dieter Moure, é refinanciar a hipoteca que pesa sobre a sede da CEG, un custo de 80.000 euros trimestrais.

A ampliación hipotecaria é, ao seu xuízo, unha opción menos agresiva que a outra que está sobre a mesa e que adiantou este medio en febreiro, a solicitude dun crédito de entre 500.000 e 600.000 euros á banca. Pero é tamén unha pena, pois de manter o ritmo actual de pagos a patronal amortizaría a hipoteca en 2017 e daría un paso de xigante para despexar o seu futuro económico.

Sara Fernández, de 1º A de Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 10-04-2016 22:25
# Ligazón permanente a este artigo
O Executivo galego prevé gastar un tope de 20 millóns en ampliar a súa sede central de San Caetano
A Xunta destinará un máximo de 20 millóns de euros ás obras para converter a actual estación de autobuses de Santiago na Cidade Administrativa de San Caetano, que prevé estea lista no horizonte de 2020, como "moi tarde", "de forma paralela" á realización do proxecto da nova intermodal da capital galega. O novo complexo permitirá ao Executivo recuperar un terreo cedido ao concello e anexo ás instalacións actuais da súa sede central. Permitirá albergar ata 1.300 empregados e contará tamén cunha gardería con 75 prazas e máis prazas de aparcadoiro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a convocatoria do concurso de ideas para reformar esta zona. A Xunta pretende amortizar esta obra co abandono de espazos que ten alugados en Santiago, e polos que paga 2,5 millóns de euros dos 5,6 que lle custan anualmente a renda de instalacións que non son propias.

Sara Fernández, de 1º A de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 10-04-2016 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal