Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A policía dá protección en Galicia a 3.100 vítimas de violencia machista
Diana Quer morreu por ser muller, vítima dun crime que só dana e mata ás mulleres. Este argumento foi repetido unha e outra vez ao longo das últimas semanas para sustentar unha petición que volveu ao primeiro plano coa aparición do corpo da moza madrileña, asasinada e a autopsia dirá se violada por un home que se cruzou no seu camiño de regreso a casa. Esa petición é que o caso de Diana Quer e todos os casos de agresións sexuais pasen a ser considerados violencia machista. A presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero, Ángeles Carmona, anunciaba hai uns días que os crimes como o de Diana serán contabilizados a partir deste ano nas estatísticas que elabora ese organismo. Para ir máis aló e que as vítimas de acoso, abusos, trata e outros delitos contra a muller pasen a beneficiarse das providencias previstas na Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero farán falta cambios legais.

O pacto de Estado asinado hai algunhas semanas abre este camiño, pero mentres este non se percorra, os casos como o de Diana só pasarán a engrosar as estatísticas de violencia machista. Unhas estatísticas que, sen ter en conta estes delitos e contabilizando só a violencia exercida no ámbito da parella ou exparella, pecharon os once primeiros meses do 2017 con 482.729 casos en España e 25.043 en Galicia, 3.169 deles activos e 13 de risco alto ou extremo.
Son os datos do sistema Viogén, de seguimento integral nos casos de violencia machista, que puxo en marcha o Ministerio do Interior no ano 2007 para facer unha avaliación do risco en cada caso e determinar as medidas de protección e seguimento que deben aplicarse tras cada denuncia que chega ás comisarías, aos cuarteis ou aos xulgados.
Segundo eses datos do 30 de novembro do 2017, hai en Galicia 23.285 vítimas de violencia machista. Elas ou a súa contorna denunciaron eses 25.043 casos que recolle a estatística, dos cales 21.874 estaban inactivos e 3.169 activos. Que un caso estea inactivo significa que, por determinadas circunstancias, considérase que non é necesaria a atención policial, aínda que pode ser reactivado en calquera momento. Os casos activos están baixo atención policial, cunha actividade que depende do nivel de risco que se determine aplicando o protocolo que se elaborou para iso.
Dos 3.169 casos activos que os últimos datos estatísticos reflicten en Galicia, 1.522 consideráronse de risco non apreciado. Para as mulleres nesta situación, o sistema Viogén prevé medidas de seguimento que implican a revisión do nivel de risco cada tres meses e, se é necesario, medidas policiais de protección. Para as mulleres para as que se apreciou perigo establécense medidas policiais de protección que aumentan de intensidade segundo increméntase o nivel de risco, que pode ser baixo, medio, alto ou extremo. Só 12 casos considerábanse de risco alto no último reconto, e só un era considerado pola policía como de risco extremo. 259 casos eran de risco medio, e 1.375, baixo. Case 1.500 mulleres teñen en Galicia un plan de seguridade personalizado co fin de garantir a súa integridade física fronte ás súas parellas.



Ana Ramos Gallego
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 21-01-2018 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
Captan por primeira vez en Galicia o raio azul do Sol
O raio verde é un fenómeno atmosférico que se produce xusto despois da saída do Sol ou xusto antes do solpor. Débese a que nunhas determinadas condicións, a atmosfera produce un fenómeno de dispersión e difracción das ondas de luz que anula algunhas cores do espectro visible para os humanos, mentres que maximiza as ondas arredor dos 525nm, que se corresponden cos tons verdosos. É pouco habitual, e mesmo espertou a imaxinación de artistas e escritores, como Jules Verne, que lle dedicou un libro no que narra a apaixonada busca deste fenómeno, e tamén se mencionaba no filme Piratas do Caribe como unha especie de mito.
Pois ben, o raio azul, ou violeta, é aínda máis difícil de ver. Para observalo, é preciso que se maximicen só as ondas de luz arredor dos 450nm. Hai poucos documentos gráficos no mundo que amosen a súa presenza. Dous deles, en Canarias. Nunha ocasión, o achado do fenómeno desde a cima do Roque de los Muchachos, na illa da Palma, protagonizou a imaxe do día da NASA.
O galego, Alfredo Madrigal, fotógrafo e profesor de ensino secundario, deu a coñecer que observou o fenómeno en xuño de 2016 nos cantís de Loiba. É a primeira vez que se documenta en Galicia. Tal e como explica Madrigal, revisando o material fotográfico que tiña no seu disco duro, viu que raio azul se manifestaba con claridade.

Lucía Alvarellos Garea
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 21-01-2018 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia recibe a maior parte do Gordo cunha cifra inédita tras anos de premios baixos

A sorte sorriu a Galicia este 22 de decembro, cun premio Gordo, o do 71.198, que caeu no seu maior parte na pequena localidade de Vilalba (Lugo), tras varios anos nos que a choiva de millóns esquivou aos galegos e cunha cifra de 520 millóns de euros, inédita neste sorteo para a Comunidade.
Para lembrar a última vez que o Gordo tocou en Galicia hai que remontarse a 2014, con 12 millóns de euros que foron para A Coruña, Lugo e Carballo. O ano anterior, 2013, vendeuse no Rosal unha serie do Gordo e o sorteo deixou uns 5 millóns aos galegos.
O ano 2012 tamén trouxo un belisco do Gordo a Galicia, aínda que foron unicamente 1,6 millóns de euros que se repartiron en Carballo, A Coruña e Meira (Lugo). En total, a Lotaría de Nadal deixou ese ano na rexión 45 millóns de euros.

Sofía Cougil García
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 14-01-2018 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
Os menores galegos recoñecen manter contacto con descoñecidos en redes sociais
A gran maioría dos adolescentes galegos usan diariamente as redes sociais en liña. E algúns deles recoñecen establecer contactos con descoñecidos. Así o conclúe un estudo feito por investigadoras da Universidade de Vigo no que subliñan que nalgúns casos os adolescentes afirman que de non poder conectarse durante un día ás redes sociais sentirían ansiedade.
Maiormente, o uso de redes sociais entre adolescentes galegos ten un perfil urbano e feminizado, é dicir, son as rapazas das cidades as que máis participan nestes espazos da Rede.
Paralelamente, moitos adolescentes afirman ter perfís en dous ou máis redes sociais, e afirman que estas supoñen un medio importante e naturalizado nas súas vidas para estar en contacto con outras persoas, socializarse e comunicarse.
Para as autoras do estudo "a relevancia destas redes provocou que, en ocasións, pertencer ou non pertencer a unha rede social deixe de ser unha opción para converterse nunha obriga, unha necesidade para poder estar en contacto cos coñecidos e estar ao día do que sucede no contexto virtual".
Os resultados deste e doutros estudos alertan da perigosa conduta dos adolescentes que usan as plataformas virtuais para interactuar con persoas coñecidas e descoñecidas por igual, xa que, "se cren capacitados para detectar e evitar as situacións de risco" ou mesmo "consideran que un maior número de seguidores faraos máis populares".
Os argumentos dos participantes neste estudo permiten recoñecer as redes sociais como un dos principais escenarios de lecer e comunicación para os adolescentes, que atoparon nestes medios lugares nos que informarse e relacionarse.


Lucía Alvarellos Garea

Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 14-01-2018 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
O sospeitoso de acoitelar un home en Carballo pasará a disposición xudicial o luns
O presunto autor do acoitelamento mortal ocorrido onte en Carballo pasará previsiblemente o luns a disposición xudicial. A Garda Civil especula cun axuste de contas por tráfico de drogas, como causa probable do suceso.

A Garda Civil arrestou, como presunto autor do suceso, a un home de Malpica duns 45 anos de idade, que intentou darse á fuga nun vehículo co que tivo un accidente.

As autoridades manexan como hipótese un posible axuste de contas relacionado con drogas. O detido, que ten numerosos antecedentes, pasará previsiblemente o luns a disposición xudicial.




Ángela I. Big García
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 09-12-2017 23:05
# Ligazón permanente a este artigo
Campaña para recuperar a toponimia histórica galega cunha aplicación móbil
Coa lema 'Toponimízate' arrinca un novo programa de promoción da lingua galega que animará á cidadanía a colaborar na recuperación da toponimia histórica de Galicia, sobre todo de nomes de lugares dentro de cada concello, a través dunha aplicación móbil que poderá utilizarse tanto no teléfono como en tábletas e PC.
Esta ferramenta, que está a ser desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ofrecerá diversos modos de participación e axustarase á idade e especialización do usuario para que todo o mundo poida achegar o seu gran de area na preservación do patrimonio.
O obxectivo desta campaña é avanzar na recuperación e na preservación desta "documentación" da historia que gardan estes nomes de lugares, co obxectivo de que sexa "almacenada para o seu estudo".
Neste sentido, apelouse á riqueza terminolóxica de Galicia, calculada en preto do millón de topónimos, e que a sitúan como un "territorio moi vivido". O experto en toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijóo, valorou que Galicia conta "coa maior densidade" de topónimos "de toda Europa".

Lucía Alvarellos Garea
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 09-12-2017 22:32
# Ligazón permanente a este artigo
O cineasta Costa-Gavras chega a Santiago para recibir o Premio Cineuropa
Na mañá deste venres, o cineasta Costa-Gavras nado en Atenas en 1933 foi recibido na sede do consistorio polo rexedor compostelán, Martiño Noriega, e o director do festival Cineuropa, José Luís Losa.
A gala de entrega do Premio Cineuropa tivo lugar o sábado no Teatro Principal, unha das sedes do certame compostelán, que celebra desde o pasado 7 de novembro a súa trixésimo primeira edición.
Costa-Gavras é un dos cineastas vivos máis recoñecidos e a súa carreira destaca polo seu compromiso político e social. A relación entre Estados Unidos e o golpe de estado de Pinochet en Chile, a colaboración de Vichy cos nazis ou as torturas do réxime Estalinista foron algúns dos temas que tratou nos seus filmes como 'Z', 'Missing', 'Amen', 'Estado de sitio' ou 'Mad City'.

En declaracións aos medios durante a recepción no Pazo de Raxoi, Costa-Gavras agradeceu o recoñecemento dun festival case mítico, porque é un festival que dura tanto que é único no mundo.
Nun perfecto español, o cineasta recoñeceu que é un gran pracer volver a unha cidade como Santiago, que xa visitara na década dos 70.


Sofía Cougil García
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 25-11-2017 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
O Solitario, absolto do atraco a unha sucursal bancaria en Vilalba porque prescribiu o delito.
Jaime Giménez Arbe, o Solitario, acaba de ser absolto do atraco á sucursal de Caixa Galicia de Vilalba, cometido o 20 de agosto do 2003, que lle imputaba o fiscal porque prescribiu o delito. O xuíz do Penal número 2, Alfonso Jiménez Marín, considerou que non hai actuación legal algunha válida para poder interromper a prescrición do caso, e, por tanto, decidiu a absolución do Solitario.
No xuízo o fiscal cualificara os feitos como un delito de roubo con violencia e intimidación, con emprego de instrumento perigoso. O atracador utilizou un revólver, segundo indicouse na vista. Pediu unha pena de cinco anos de cárcere, tras aplicar a circunstancia agravante de disfrace, por levar postas perruca e unha barba postiza.
O maxistrado sinala que o delito do que se acusaba ao Solitario tiña prevista na lei no momento dos feitos (2003) unha pena de ata cinco anos de prisión, que prescribía aos cinco anos. A declaración como imputado produciuse, lembra o xuíz na sentenza, por auto do 30 de agosto do 2007. Tras comprobar os distintos pasos seguidos na instrución deste caso sinala que «estivo paralizada, ou, polo menos sen actividade procesual relevante, durante máis dos cinco anos que establece o precepto para considerar o delito prescrito e, aínda que é certo, que o foi para ser cumprimentada a orde europea de detención e entrega, debe sinalarse que dita circunstancia non viña recollida no artigo 132.2 do texto penal entón vixente como motivo de interrupción da prescrición dos delitos».
O maxistrado sinala que no presente caso «obsérvase que, independentemente da causa, non existe actuación algunha que deba considerarse válida aos procedentes efectos para interromper a prescrición durante o tempo legalmente previsto, e a única, que é o auto de arquivo provisional da causa, debe considerarse inocua para os efectos de interromper a prescrición ademais de extemporáneo, pois debeu acordarse nada máis recibir a contestación portuguesa, polo que, como se dixo, o prazo quinquenal transcorreu con fartura, polo que non cabe senón declarar a mesma e, en consecuencia, absolver ao acusado do delito imputado».
Durante o xuízo, o Solitario negou cometer este atraco e asegurou que el nin sequera sabe onde está Vilalba.

O Solitario foi detido no 2007 en Portugal tras varios anos de procura en España. Era un delincuente moi perigoso, que ademais dos roubos e atracos, asasinou aos dous gardas civís dunha patrulla de Tráfico que se cruzaron con el nunha estrada secundaria de Navarra. Ten sobre si condenas que suman 70 anos de cárcere.




Ana Ramos Gallego
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 25-11-2017 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
O amor a primeira vista ten unha explicación científica
Iso que mitificamos como amor a primeira vista, ese que estremece no cancioneiro amoroso do rei e trobador Don Dinís, figura da lírica galaicoportuguesa, ten unha explicación científica.
Investigadores das universidades de Zürich e Groningen conclúen que o amor a primeira vista basicamente é a atracción física e non ten tanto que ver coa paixón.
Para chegar ás súas conclusión, investigaron empíricamente o amor a primeira vista mediante a avaliación dos sentimentos de amor no momento no que os participantes no estudo coñeceron a outras parellas por vez primeira.
As experiencias de amor a primeira vista acontecidas e analizadas nestes experimentos "non estiveron marcadas pola gran paixón, nin pola intimidade, nin polo compromiso". A atracción física foi o maior preditor de amor a primeira vista que atoparon no seu modelo estatísticos aplicado ao seu traballo.
Os resultados do estudo din que se alguén quere que a xente se namore de un tan pronto como o coñezan, o máis eficaz que se pode facer é ser máis atractivo fisicamente.




Lucía Alvarellos Garea
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 25-11-2017 18:39
# Ligazón permanente a este artigo
Trinta e catro cámaras vixiarán os montes desde maio e a Xunta cobrará a extinción a quen non limpe
O Consello analizou esta xornada un informe sobre as modificacións relacionadas coa xestión forestal que a Xunta prevé que se incorporen á lei de medidas de acompañamento dos orzamentos de 2018, co fin de aplicalas "de forma case inmediata".
Entre elas, o Executivo destaca o feito de que os montes veciñais en man común que non estean explotados adecuadamente poderán declararse en estado de grave abandono de forma que poidan ser incorporados ao Banco de Terras.
Poderá ofertarse a súa xestión a terceiros que estean dispostos a poñer o monte en valor durante 50 anos, a condición de que a comunidade rexeite o coidado do monte ou a súa posta en valor.
No caso de terreos que dificulten a xestión dos montes por parte das sociedades de fomento forestal (Sofor), ou ben se incorporarán ao Banco de Terras ou mesmo se expropiarán.
Feijóo xustificou estes puntos no feito de que "o interese público" ten que primar en casos nos que aqueles que non queren ordenar os montes prexudiquen aos que si.
Ademais destas novas emendas, a reunión semanal da Xunta analizou o paquete de medidas no que están involucrados os concellos, que recolle a que establece que os custos de extinción poderán ser repercutidos aos propietarios que incumpran as súas obrigacións.
A maiores, incluiranse nas redes primarias de xestión de biomasa as subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións, o que quere dicir que no cinco metros de perímetro destas instalacións non se poderán plantar especies pirófitas e deberá xestionarse a biomasa.
Igualmente, incluiranse nas faixas secundarias as vivendas illadas en solos rústicos a máis de 400 metros do monte. Suprímense tamén as distincións que se establecían sobre a plantación de especies pirófitas e a partir de agora quedará prohibido plantar piñeiros, eucaliptos e acacias nos 50 metros ao redor de edificacións, vivendas e urbanizacións, instalacións, límite de solo urbano, rural e urbanizable (as faixas secundarias de xestión da biomasa).
Respecto da data en que os traballos de roza terán que estar terminados, adiántase ao 31 de maio, cando até agora estaba establecida en xuño.
Entre as emendas, a Xunta tamén chama a atención sobre as que, asegura, permitirán axilizar as accións que deben executar as administracións con carácter subsidiario. Unha obrigación que teñen "desde hai 10 anos", segundo lembrou Núñez Feijóo.
Así, explica que, cando se requira xestionar a biomasa a propietarios de parcelas descoñecidas e ilocalizables, "bastará cun aviso cun prazo de 15 días no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia".
Ábrese tamén a posibilidade de limpar os montes máis descoidados sen que teña que existir consentimento das persoas responsables nin autorización xudicial, sempre que estas parcelas non teñan consideración de domicilio.
Por outra banda, cando exista un grave risco para as persoas e os bens materiais, poderán delimitarse por decreto as zonas de actuación prioritaria para que se limpen de forma inmediato. Chegará cunha resolución da propia Consellería de Medio Rural ou dos concellos.
Neste paquete de medidas fíxase a posibilidade até de expropiar parcelas de titular descoñecido en que non se estea xestionando debidamente a biomasa e, por tanto, teña que facelo unha administración pública. O requisito será que os custos destes traballos sexan superiores ao valor catastral do terreo.
De igual forma, vaise a incorporar tamén a incautación de madeira cando sexa a administración a que limpe ese territorio de forma subsidiaria. Se desta venda existe beneficio, o importe resultante incorpórase a un fondo de nova creación que permitirá ter orzamento para executar outras rozas.
A cuestións dos medios de comunicación, Feijóo afirmou que informes da asesoría xurídica da Xunta avalan cada unha das medidas, e descartou que calquera destas actuacións vaia a ter carácter retroactivo.
Ademais, incidiu na necesidade de cambiar "a cultura" para que os particulares fáganse responsables dos seus terreos e, aínda que admitiu que "non se vai a poder chegar a todas as parcelas o próximo verán", avogou por facer cumprir "as regras de xogo"
Interrogado pola falta de medios dos concellos, asumiu que hai que "falar" con eles. "Queren seguir falando de financiamento, e falaremos", comentou.
Por último, en relación cos prazos para cobrar as axudas, mostrouse aberto a estudar se hai que amplialos no caso de que algún consistorio non tivese tempo suficiente para presentar solicitudes.




Ana Ramos Gallego
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 18-11-2017 15:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal