libros



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Atantza Portabales
Arantza Portabales

Deixe a súa mensaxe despois do sinal

Galaxia, Vigo, 324 páxinas, 18,85 €, 2017.



Seica o importante é sempre chegar, e tamén aos libros, aínda que o encontro coa lectura se demore. Digo isto porque Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, que se descubriu entre nós con Sobrevivindo, novela que resultou galardoada co Premio de novela por entregas La Voz de Galicia en 2015, publicou este libro que hoxe comento hai menos de seis meses e nese espazo de tempo que media ata hoxe ocorreron cousas felices como foron a súa reedición e mais a inminente aparición da súa versión ao castelán nun selo relevante como é Lumen. Nunca é tarde, e menos neste caso, para debruzarse nun libro no que me parece que Portabales dá un decisivo paso adiante e manifesta unha incontestable ambición literaria.

As razóns son varias mais non é menor a orixinal formulación técnica que posibilita achegarnos ás vivencias dun monllo de voces que deixan mensaxes, isto é, os ecos das súas propias vidas, nun contestador. A autora, ao xeito de Rayuela, comeza ofrecendo varias posibilidades de lectura, isto é, a de avanzar agrupando os discursos por personaxes ou facelo dunha maneira máis convencional na orde aleatoria na que Marina, Carmela, Sara e Viviana, mulleres de diferente extracción social e pertencentes a xeracións diversas, vaian aparecendo. Particularmente optei pola última e, malia as iniciais esixencias de atención que se formulan, talvez así se van debullando mellor tanto as historias singulares, algunhas delas tan terribles que é difícil que un arreguizo non percorra o espiñazo, que cada unha delas relata, construíndo así fíos sutís que posibilitan establecer unha sorte de pacto de sororidade entre todas elas.

Pois talvez a sororidade, a necesidade de comunicación e a procura da liberdade sexan os elementos nucleares desta proposta narrativa pois as circunstancias particulares de todas e cada unha das protagonistas, talvez sen sabelo, camiñan parellas a un punto no que conflúen e este é o de reivindicarse como seres humanos libres e independentes que teiman en deixar atrás, custe o que custe, ás veces dunha maneira definitiva porque xa non é posible comezar nada, un pasado que incomoda e que talvez ninguén escolleu libremente, mais que agora deixa paso a un porvir esperanzado.

Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 24-09-2018 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal