libros



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS DÍAS FELICES DE BENVIDO SEIXAS de Eduardo Velasco,
OS DÍAS FELICES DE BENVIDO SEIXAS (Eduard Velasco, Xerais)
JUNIO 4, 2019
UNHA NOVELA DIVERTIDA

Título: Os días felices de Benvido Seixas

Autor: Eduard Velasco

Editorial: Xerais

Non hai moito que escribiamos nesta Ferradura que, de cando en vez, o lector estima ben literatura descontraída, literatura desenfadada que lle pinte un sorriso nos beizos. Faciámolo a propósito de O paraugas na raiola e outros relatos (Paco Rivas, Baía Edicións), que, como o seu título indica, é un libro de relatos. Pois ben, hoxe ímolo facer despois da lectura da primeira novela de Eduard Velasco, a quen si coñeciamos como poeta. El é o autor desta Os días felices de Benvido Seixas, que non pretende ser máis do que é, unha novela divertida, unha novela cuxa lectura resulta divertida, ante todo. Unha novela para pasalo ben lendo, para que o bon ánimo non nos deixe mentres dure a lectura da novela. Que tampouco ha ser moito, porque a novela lese con degoro. Eis ten o lector un título ben acaído para ler nestas vacacións estivais, na praia, no monte, ou na propia casa, como fixemos nós.

A proposta inicial resulta evidentemente suxestiva: pon en contacto unha activista cultural (Mariña) e sensibilizada e crítica coa evolución social e cultural galega, unha moza abeirada o nacionalismo, cun home (Bienvenido, despois Benvido) que representa practicamente todo o contrario, un especulador, rico e de opción política que imaxinamos totalmente oposta á de Mariña. Ponos en contacto e xorde o que xorde, aínda que Mariña non é unha moza especialmente guapa, Benvido remata por namorarse dela, á vez que Mariña (dependenta nunha tenda de talles grandes) se prende del. Entón, para que Mariña non o rexeite, Bienvenido Seijas opta por construírse unha nova identidade baixo o nome de Benvido Seixas. E non imos desvelar máis nada da trama desta divertida novela, abonde indicar que, desde entón a novela dispón na trama situacións que a fan un discurso entretido de ler. Seguindo a linguaxe cinematográfica, estamos no caso dunha comedia de situación, dunha sitcom ben levada, que tampouco é nin quere ser un xoguete cómico onde se procure o riso polo riso, o riso custe o que custar. Non. Esta é unha comedia de situación, como dicimos ben levada, que nos ofrece instantes para rirmos e que, esta vez si, dá máis do que en principio podía parecer.

Dá máis do que en principio podía supoñerse porque nos convida a reflexionar. Sen ese ser obxectivo fundamental, será difícil que o lector non encamiñe algunhas reflexións. Porén, quen vai ler esta novela non é quen máis ten que reflexionar. Quen tería que reflexionar, e ben, son os outros, os especuladores, os ricos e abeirados á dereita. (Non é casualidade que os pais de Benvido leven nomes que comezan os dous por P).

Alén diso, a novela serve tamén para homenaxear. Homenaxear a Noneyra, a devesa da Rogueira é un dos lugares polos que transcorre a trama. E, con el, con Novoneyra, a María Mariño, non podía faltar. Mais, sobre todo, a principal homenaxe é a Otero Pedrayo, concretamente a través dunha das súas obras cimeiras: Arredor de si. Porque chega un momento en que Bienvenido, agora Benvido, non ten outra que reflexionar sobre o que quere ser no futuro, sobre quen quere ser no futuro, e é entón cando se dacata de que en realidade, todo o que proxecta para o futuro non foi outra cousa máis que andar arredor de si sen atoparse, ata que aparece Mariña. Co Courel como escenario privilexiado, tamén hai outro que merece ese cualificativo. O 25 de xullo, o Día da Patria. E dentro desas homenaxes non poden esquecer dúas: as correspondentes á lectura e ao libro, unha das esixencias de Mariña para que Benvido sexa o mozo perfecto é que lea.

Coa perspectiva da comedia de situación, o autor ben podía caer na caricaturización. E, inclusive máis, no exceso de caricaturización. Mais non sucede. Eduard Velasco gardouse moi ben diso e, se as personaxes principais non son planas e están configuradas de xeito que evolucionan, sobre todo Benvido, tamén é certo que as personaxes secundarias (Pepa, Laro…) están ben configuradas dentro da súa condición e achegamento á trama. Cabería dicir o mesmo de Mariano, amigo de Benvido, mais ri tanto que xa cansa…

A quen non lle faga graza a proposta incial: xuntar dúas personaxes de mundos tan distintos, unh actvivista cultural e moza nacionalista cun especulador de tendencias opostas, que non merque a novela. Mais quen atope nela o gromo dunha novela divertida de ler, que non o dubide, porque acertará de pleno. A nós, o que menos nos gustou da novela, para alén dos xogos de palabras (Bienvenido-Benvido) é a inseguranza no uso da onomástica galega (Jacinta, Mariángeles) e inclusive o uso de castelanismos inxustificábeis: “¡Con lo que uno ha sido” (25).

Porque do resto é unha novela de lectura moi agradecida e simpática.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 17-01-2020 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
Memoria do silencio de Eva Mejuto

Memoria do silencio
Eva Mejuto (Autor/a)
INFANTIL E XUVENIL>FÓRA DE XOGO

3ª Edición

Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Lola é unha muller brava e xenerosa, que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade.Novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial.Eva Mejuto regresa á narrativa xuvenil con Memoria do silencio, finalista do Premio Jules Verne, logo da súa incursión con 22 segundos (Xerais 2017).
Ficha do libro (actividades)
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 17-01-2020 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
O meu nome é Ninguén de Manuel Esteban
Carlos Manso é un inspector de policía desencantado tras vinte anos de oficio polas beirarrúas da sociedade. Un antiheroe en pleno declive persoal que fai do fracaso a súa marca de identidade. Mentres leva a cabo a investigación dunha rede de pederastia, descobre que, no atropelado intento de vencer contra vento e marea, hai xente que comete o erro de confundir a bondade coa estupidez. Unha mal entendida liberdade que proclama o dereito a posuílo todo. A devoralo todo. A destruílo todo. Mesmo os nosos semellantes.
O meu nome é Ninguén é unha novela policial, pero tamén un tratado sobre a perda da identidade, un manual de filosofía para perdedores onde ninguén é o que parece: un inspector de policía que se fai pasar polo seu irmán, un hacker agochado tras un pseudónimo, unha muller que ten que cambiar de nome ou un rapaz con síndrome de Down que pode ser calquera, indistinguible entre a multitude. Un ninguén.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 17-01-2020 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Camiño de paixons de Carlos Mejide
Camiño de Paixóns
Carlos Meixide
I PREMIO DE NOVELA CAMIÑO DE SANTIAGO, ORGANIZADO E CONVOCADO POLA ACADEMIA XACOBEA

Unha historia que o seu autor define como pulp e que toma o Camiño de Santiago coma un pretexto para explorar a natureza humana a partir de dúas mulleres que, levadas polo azar e pola paixón, farán o Camiño xuntas. Polo medio, un caso de terrorismo internacional inesperado. Unha reflexión tamén sobre o poder do erotismo e das moitas formas do amor.
Meixide, Carlos
Escritor, xornalista e humorista galego, naceu en Vilagarcía de Arousa en 1977. A súa novela O home inédito converteuno en 2005 na primeira en galego editada en Internet. A súa versión en papel apareceu un ano máis tarde en Edicións da Rotonda. A partir de 2014, autoedita as súas obras. As novelas Ons, Cans, Guitiriz, e Arousa, unha serie de aventuras de adolescentes en distintos lugares de Galicia alcanzaron notable popularidade.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 17-01-2020 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
Feminicidio de Carme Adán
O patriarcado non acouga. Adáptase aos novos tempos Tempos de submisión, seica. Ou non. Tempos en que o silencio xa non pode ser cómplice, senón de toma de conciencia. E o ser humano toma conciencia do que pasa a través das palabras, por iso as verbas son tan importantes, e por iso cómpre atopar as verbas precisas para nomear a realidade e explicala. E por iso é importante falar de feminicidio. Por que non? Porque é un feminicidio o que está acontecendo.Mais non é este só un libro de palabras, porque, como di a autora, coñecida e importante intelectual galega no eido do pensamento feminista, as palabras teñen carne. E as mulleres son de carne e son reais. Como o patriarcado que, entre todas e todos, debemos entender para poder combatir.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 18-03-2019 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
AM@ME
Pensar o amor no século XXI
Am@me é un libro que aborda da man de dúas das expertas que máus e mellor teñen traballado en Galicia as cuestións da sexualidade e a educación emocional na mocidade no noso país, a necesidade de reflexionar arredor das relacións amorosas e a aprendizaxe do amor. Porque a amar apréndese. Mais cómpre tyamén desaprender os modelos nocivos baseados nos mitos románticos, unha sexualidade condicionada pola pornografía e, en definitiva, polos modelos esmagadores do patriarcado, elementos todos aos que está exposta a nosa mocidade sen que poidan facer moito por evitalos. Chis Oliveira e Amada Traba deitan a súa ollada, dun xeito accesible e divulgativo, sobre a complexidade do amor nestes tempos onde todo cambia á velocidade da luz. Nestas páxinas atoparemos diseccionados, entre outros asuntos, o amor romántico, o concepto de ?normalidade? no que ao sexo e o amor se refire, ou como o patriarcado constrúe o xénero e a idea do amor? non quedan fóra as cuestións, importantísimas, das identidades sexuais (feminidade, masculinidade, trans e inter), as redes sociais ou a violencia no contorno da parella. Un libro pois, para pensar o amor e para aprender a des-pensalo, animándonos a ensaiar modelos máis amplos e enriquecedores.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 18-03-2019 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Inma López Silva
u pensaba que no mundo cultural non existía o machismo. Identificaba a cultura coa igualdade. Nin sequera me parara a reflexionar sobre isto ata que lin o libro de Inma López Silva e escoitei a Manuel Rivas dicir que “o sistema non é machista, senón que o machismo é o sistema”. Canta razón e canto queda por facer! Por iso, nesta loita que nos queda por diante é prioritario que se espallen libros coma este Chámame señora, pero trátame coma a un señor, provocadores, politicamente incorrectos, reivindicativos, sen pelos na lingua, críticos e con moitas arestas para levarnos á reflexión e ao debate tan necesario.

Este libro inaugura a colección Feminismos da editorial Galaxia, á que se suman tamén Am@me, de Chis Oliveira e Amada Traba, e Feminicidio de Carme Adán. Todos eles tratados desde unha óptica diferente e diversa, pero co mesmo obxectivo: loitar por un cambio no sistema onde se nos teña en conta ás mulleres.

Centrándonos no de Inma, direivos que está escrito desde a experiencia de ser unha muller intelectual e ter que estar sempre dando explicacións de por que unha muller quere ocupar certos postos de responsabilidade e non se dedica mellor a estar na súa casa. Escrito cunha linguaxe moi directa e ao mesmo tempo visceral, con moitas referencias a libros feministas, Chámame señora eríxese como un libro diferente, que se centra no machismo existente (aínda a día de hoxe) no sector cultural. Na súa madurez literaria, a autora confesa ao inicio que “nunca crin que, aos meus anos, as escritoras poidamos comportarnos coma se aínda puidésemos ser princesas”, e por iso propón apropiarse da linguaxe e do corpo que o sistema teimou sempre en tildar de símbolos pecadentos.

“Estou ata a cona de que non me deixen dicir cona sen parecer unha marimacha maleducada que non pasou por unha facultade de Filoloxía nin escribiu nove libros. [..] Pola mesma, sei de boa tinta que a maior parte dos editores se estrañan de cando unha novela conta mulleres multiorgásmicas. Pois si, todo está relacionado. Igual nos teñen que deixar dicir cona máis veces para que certas cousas recuperar a súa naturalidade”.

Escribe que “as palabras son moi importantes e por elas a miúdo comezan as revolucións”, unha reflexión que leva de pleno a defender a linguaxe inclusiva e o dereito das mulleres e dos homes a non ter medo ante os eufemismos. En consonancia coa forza da palabra, a autora confesa que o máis sinxelo é sempre ficar en silencio, pero que ela elixiu erguer a voz, unha responsabilidade que considera que ten por dedicarse á literatura comprometida.

As lectoras e lectores que coñecemos a narrativa de Inma López Silva e os seus artigos semanais en La Voz de Galicia agradecermos moitísimo este libro, no que descubrimos mellor a súa forma de pensar e as situacións ás que se enfronta pola súa condición de muller, soportando acotío momentos nos que os homes “lle explican cousas”. Un ensaio que destaca pola súa sinceridade e pola súa capacidade para falar do sistema patriarcal e da necesidade do feminismo desde o cotián, no día a día, aínda que precisamente por iso ten algunha eiva, como a falta de cohesión e a superficialidade no tratamento dalgún capítulo, sen desmerecer o resultado final.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 18-03-2019 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
A boca do inferno de Jaureguizar

Un libreiro aparece asasinado nunhas termas de Ourense. El sabía onde está a Boca do Inferno, o acceso ao lugar onde arden os condenados. O malvado Jacques Bourget du Lac anda á procura desa entrada para facerse co poder que outorga: enviar as persoas ao averno ou salvalas do padecemento. Soamente Tintimán, un reporteiro de 16 anos, poderá impedirllo. Conta coa axuda do seu gato, Señor Grozni, e de Mónica, unha amiga que teima en ser a súa moza. Tintimán vivirá unha nova aventura con amor e misterio na cidade das Burgas.

Biografía del autor:
Jaureguizar (Bilbo, 1965). Xornalista. Traballa en El Progreso de Lugo. Como narrador ten publicados os seguintes libros: “Fridon spik” (Xerais 1995, 2003), narracións breves; “Comendo espaguetis diante da televisión” (Xerais 1998), novela; “As horas sucias” (Xerais 2001), novela; “Breve crónica universal da clase obreira” (2001), novela, Premio Lueiro Rey 2001, “Casa Skylab” (Premio Xerais 2003), novela, “Cabaret Voltaire” (Premio Manuel García Barros 2005), novela “O Globo de Shakespeare” (Premio Terra de Melide, Xerais 2008) e “Placebo” (Xerais, 2016). É autor, ademais, das novelas xuvenís “Todo a cen” (1995), “A rutina corsaria” (Xerais 1998), “Salitre” (Xerais 1999), “¡Balea morta ou lancha a pique!” (Xerais 2002), “A cova das vacas mortas” (Xerais 2006), premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil, “Plastilina nos pulmóns” (2007), “O contador de estrelas” (2009), “Os Sabuxos entran na casa do pé esquerdo” (Xerais, 2013) e “Os Sabuxos divírtense no Museo Prohibido” (Xerais, 2015). Ademais é autor da serie de novelas protagonizada polo xove detective Tintimán: “Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela” (Xerais 2010), “A coroa de napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña”, “Amor de Serea. Un misterio para Tintimán en Vigo” (Xerais 2012), “O veleno da risa. Un misterio para Tintimán en Lugo” (Xerais 2014) e " A boca do inferno. Un misterio para Tintimán en Ourense " (Xerais 2017). Mantén aberto o blog Cabaret Voltaire.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 03-12-2018 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
A arte de trobar de Santiago Lopo
No século XIII, unha" troupe" de artistas itinerantes procedentes de Galicia percorre os reinos do Camiño de Santiago. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galego-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Un códice oculto, a Inquisición, a herexía cátara e os segredos da alquimia uniranse ás cantigas medievais para conformar unha engaiolante trama nunha novela con grandes doses de intriga." A arte de trobar" é unha novela luminosa, escrita con felicidade e coñecemento, que non renuncia ao humor. Configurada a partir de capítulos curtos, é capaz de integrar unha trama implacable coa tradición máis notable de versos en galego e occitano. Documentada con rigor, e dotada dun ritmo moi áxil," A arte de trobar" constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, que se escribiu en folla de pergamiño e con pluma de ave, á beira do mar.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 06-11-2018 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Senlleiras
ANTÍA YÁÑEZ RODRÍGUEZ , 2018

PREMIO DE NARRATIVA ILLA NOVA 2018
A novela das mulleres que rachan co silencio.Unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta. A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada.Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de Camiños, aínda que nunca exerceu a profesión. Entre os premios outorgados á súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos "Lonxa Literaria" 2013, de Moaña, o Premio de Relatos Curtos “Os Viadutos” 2014, de Redondela, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre (2016). Actualmente compaxina a escrita coa xestión dunha academia en Cecebre (Cambre), onde imparte obradoiros de escritura para rapazas e rapaces. O misterio de Portomarín é a súa primeira novela.
Comentarios (0) - Categoría: Galego - Publicado o 14-10-2018 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal